Pecha o Santuario da Nosa Señora da Barca polas obras pero estará aberto o camarín da Imaxe Santa para todo aquel que queira estar con ela.

No día de onte 01 de outubro de 2026 quedaba pechado o templo da Nosa Señora da Barca para os oficios relixiosos e para os devotos, peregrinos e turistas, debido as obras de restauración, que xa se veñen facendo fai meses pero que non impediron que se levaran a cabo as misas e as visitas.

Non quedarán desprotexidos os devotos da Nosa Señora da Barca xa que habilitouse un altar provisional no camarín da Virxe con acceso desde a porta da sacristia. Neste altar tódolos veciños, devotos, peregrinos e turistas poderán estar  acarón da Santa Imaxe para ofrecer os seus rezos e peticións.

As obras que se están a levar a cabo no interior e exterior do Santuario prolongaranse durante varios meses, tal e como nos apunta o párroco Don Daniel Turnes : “O tempo estimado de finalización das obras dependerá do avance das mesma pero coidamos que estará listo para a primavera”.

Principal centro de peregrinación

O Santuario da Nosa Señora da Barca é un dos principais centros de peregrinación de Galicia e de España, con chegadas aos seus pés de milleiros de peregrinos da Via Mariana, Camiño de Santiago, e devotos que chegan andando, así como a cabalo, bici, automóviles e ata por mar. Con tantos peregrinos Muxía é unha Babilonia na que se falan multitude de idiomas, pero todos cun mesmo destino e fervor. O poder de atracción de devotos e peregrinos quedou claramente descrito na pasada Romaría da Barca na que en poucos días decenas de miles de devotos, e peregrinos, así coma turistas visitaron o templo e escoitaron misas ou fixeron as suas peticións a Virxe, con especial relevancia o Domingo da Barca onde a procesión ata o porto onde se brindou na honra da Nosa Señora a traca máis grande que se tira en Galicia, e a misa e procesión foron seguidas por decenas de miles de persoas.

Un altar improvisado na Igrexa Parroquial

Na Igrexa Parroquial de Santa María de Muxía tamén se habilitou un pequeno altar para ter presente a Imaxe da Nosa Señora da Barca nas misas diarias que serán desde hoxe o templo no que se levarán a cabo. O pequeno altar conta cun cadro cunha fotografía do fotógrafo muxián Xesús Búa.

–

-Fotos : Prensa Parroquia de Santa María de Muxía

-Foto procesión : Xesús Búa/Foto Estudio “Lolas”

-Texto : Xosé Búa “Pirata”

–