OS PEREGRINOS NAUTICOS DO “CAMIÑO A VELA” CHEGAN A SANTIAGO AGRADECIDOS POR COMPLETAR POR 10º ANO A TRAVESÍA ATA OS PÉS DO APÓSTOLO.

Fai case un mes saían de La Rochelle, (Francia).

Dez anos navegando soños
O Camiño a Vela concluiu en Santiago con emoción e gratitude a súa décima edición. Máis de 100 peregrinos náuticos celebraron a chegada á Praza do Obradoiro tras percorrer o norte de España por mar e culminar a pé desde Padrón a travesía que se iniciou no porto francés da Rochelle o pasado 6 de xuño.

Os peregrinos nauticos os pés da Catedral.

Coa emblemática foto de familia na Praza do Obradoiro, concluíu na tarde do luns 1 de Xullo a décima edición do Camiño a Vela, unha travesía única que ao longo de case un mes uniu mar, espiritualidade e cultura a través do itinerario costeiro que percorre o norte de España ata chegar a Santiago.

 

Na mañá do luns, os peregrinos por mar completaron a última etapa desta experiencia, camiñando desde Padrón ata a capital galega. Tras haber arriado en Vilagarcía de Arousa, onde finalizou a navegación tras 18 etapas por mar intensas, emocionantes e profundamente simbólicas, os participantes puxeron o broche de ouro a esta experiencia única.

Unha travesía de fraternidade
Desde a súa saída o 6 de xuño desde o porto francés de La Rochelle, O Camiño a Vela contou coa participación de 25 veleiros e máis de 200 peregrinos chegados de nove países, consolidando o seu carácter internacional. Franceses, españois, italianos, alemáns, belgas, británicos, irlandeses, arxentinos e brasileiros compartiron travesía, paisaxes e vivencias nun roteiro que non só conecta costas, senón tamén persoas.

 

A edición de 2025 recalou en máis dunha quincena de localidades ao longo do litoral norte de España, deixando en cada unha delas un ronsel de hospitalidade, cultura e alegría: Hondarribia, Getaria, Bermeo, Getxo (País Vasco); Santander (Cantabria); Ribadesella, Xixón, Avilés (Asturias); Ribadeo, Viveiro, Cedeira, Ferrol, A Coruña, Laxe, Muxía, Muros, Boiro e Vilagarcía de Arousa (Galicia).

Cada escala foi unha festa local: encontros institucionais, mostras gastronómicas, actividades culturais e unha complicidade crecente entre navegantes e comunidades anfitrioas.

 

Un aniversario que deixa pegada
A travesía deste ano tivo un carácter especialmente emotivo ao conmemorar unha década desde que esta iniciativa pioneira comezase a trazar o seu “Camiño Azul”. Un camiño que uniu a máis de 2.000 peregrinos náuticos desde 2016, impulsando valores de respecto ao medio ambiente, turismo responsable e solidariedade.

Un dos momentos máis conmovedores desta edición foi o acto de irmandamento celebrado en Xixón o 16 de xuño, símbolo da rede de complicidade tecida entre os portos que acolleron aos peregrinos durante estes dez anos.

Ademais, O Camiño a Vela reafirmou o seu compromiso coa sustentabilidade e a solidariedade, impulsando o cálculo da súa pegada de carbono en colaboración coa Universidade de León e apoiando a campaña solidaria “A vela contra a ELA”. Grazas por acompañarnos nesta viaxe.

 

Desde a organización do Camiño a Vela “queremos expresar o noso máis profundo agradecemento a todas as institucións, concellos, patrocinadores e entidades colaboradoras que fixeron posible esta edición tan especial. Grazas por abrir os vosos portos e os vosos corazóns a esta travesía que, ano tras ano, segue navegando con alma”.

“Hoxe non termina unha travesía: renóvase un espírito.
O mar tamén conduce a Santiago… e seguirá facéndoo”.

-Foto e texto : Prensa “Camino a vela”