No fútbol hai posicións que marcan épocas, pero poucas teñen tanta importancia como a do porteiro. Ao longo dos seus máis de cen anos de historia, o Real Club Deportivo da Coruña contou con gardametas inesquecibles, auténticos muros que levaron o escudo branquiazul ao máis alto. Proba diso son os sete Trofeos Zamora conquistados por tres porteiros que xa forman parte da historia eterna do deportivismo : Juan Acuña, Paco Liaño e Jacques Songo’o.
Entre os tres suman sete premios ao porteiro menos goleado da Primeira División, unha marca ao alcance de moi poucos clubs do fútbol español.
Juan Acuña, a primeira gran lenda baixo paus
Falar de Juan Acuña, coñecido polos amigos como “Xanetas”, (A Coruña-14/02/1923-30/08/2001) é falar dun dos mellores porteiros que deu o fútbol español. O gardameta coruñés converteuse no gran referente do Dépor das décadas dos corenta e cincuenta e conquistou nada menos que catro Trofeos Zamora, nas tempadas:
1941/42
1942/43
1949/50
1950/51
Durante décadas foi o porteiro con máis Zamoras da historia, igualado só posteriormente por outras lendas da Liga.
A súa rapidez de reflexos, valentía e capacidade para realizar paradas imposibles convertérono nun mito para varias xeracións de deportivistas.
A pesar de non lograr títulos oficiais co Deportivo, foi unha das grandes figuras do equipo que acadou os primeiros grandes éxitos da entidade, sendo decisivo en 3 dos históricos subcampionatos de Liga. Xogou tan só un encontro con España un España 3-2 Suiza no Estadio de Mestalla, (Valencia) un 28 de decembro de 1941.
Paco Liaño, o muro do Súper Dépor
Se hai un gardameta que simboliza o nacemento do Súper Dépor, ese é Paco Liaño, (Muriedas-Camargo-Cantabria)16/10/1964).
A pesar do extraordinario nivel que amosou no Súper Dépor e de conquistar dous Trofeos Zamora consecutivos, nunca disputou ningún encontro coa selección absoluta, algo que moitos afeccionados e analistas consideran unha das grandes inxustizas do fútbol español daquela época. Tras 22 anos mantendo en solitario o record da historia da 1ª División na 2015/16 Jan Oblak, (Atlético de Madrid empatoulle o rexistro que segue sen ser superado a día de hoxe.
O cántabro conquistou dous Trofeos Zamora consecutivos:
1992/93, compartido con Santiago Cañizares.
1993/94, cun rexistro que continúa sendo, máis de trinta anos despois, o mellor da historia da Primeira División.
Naquela inesquecible Liga encaixou só 18 goles en 38 partidos, deixando unha media de 0,47 goles por encontro, un récord que como decimos, aínda ninguén foi capaz de superar.
Baixo os seus paus construíuse un dos mellores equipos da historia do Deportivo, levantando posteriormente:
Copa do Rei (1994/95)
Supercopa de España (1995)
Liaño foi seguridade, liderado e unha das pezas fundamentais do equipo que fixo soñar a toda Galicia.
Jacques Songo’o, o gardián da primeira Liga
A chegada de Jacques Songo’o elevou aínda máis o nivel da portería deportivista.
O internacional camerunés conquistou o Trofeo Zamora na tempada 1996/97, grazas á súa espectacular capacidade física, os seus reflexos felinos e unha personalidade que transmitía confianza a toda a defensa. Polo seu parecido na cara, no seu sorriso e expresión dos ollos era chamado o Eddie Murphy do fútbol.
Foi unha das figuras fundamentais do Depor que conquistou:
A histórica Liga 1999/2000.
A Supercopa de España do ano 2000.
Songo’o pasou á historia como un dos mellores gardametas africanos que xogaron na Liga española.
Un gol que tamén forma parte da historia
Pouca xente lembra que Jacques Songo’o tamén chegou a marcar e de non ser inxustamente anulado sería o primeiro meta da historia da liga de marcar un gol.
Foi no Los Pajaritos, fronte ao CD Numancia, cando rematou de cabeza completamente só un saque de curruncho executado por Fran González e enviou o balón á rede.
O colexiado anulou o tanto por unha suposta falta inexistente. As imaxes demostraron que era un gol completamente legal.
Outra decisión arbitral máis que segue presente na memoria e na historia do deportivismo.
A Liga que nunca deixou de doer
Hai tempadas que non se esquecen.
O Depor perdeu a Liga 1993/94 na derradeira xornada, tras empatar co Valencia en Riazor, (0-0) e co inesquecible penalti que Miroslav Djukic non puido transformar no último minuto co valencianista José Luis González baixo paus, que trala parada fixo un aceno de ledicia. Máis tarde co paso dos anos soubose que os xogadores valencianistas, (non se xogaban nada na clasificación), cobraron 13 millóns das antigas pesetas por conseguir que o Depor non gañara.
Este empate fixo que o Barcelona tras varios encontros gañados de maneira máis ca dubidosa acabara proclamándose campión de liga polo golaveraxe, deixando ao Depor sen un título que xa rozaba coas mans.
O “Caso Negreira” unha mostra definitiva das sospeitas
Co paso dos anos apareceron as investigacións relacionadas co coñecido como “Caso Negreira”, que xeraron un intenso debate sobre a credibilidade da competición durante aquela etapa. A día de hoxe non existe ningunha resolución xudicial que modificase oficialmente os resultados nin a clasificación daquela Liga, polo que o FC Barcelona continúa sendo o campión oficial, non se tomaron medidas como si pasou por exemplo cos amaños en Italia por parte do Milán e a Juventus.
Con todo, para unha parte importante da afección deportivista permanece a convicción de que aquel campionato foi profundamente inxusto. Moitos consideran que, á vista de todo o que posteriormente se foi coñecendo, nun contexto plenamente transparente e sen sombra ningunha sobre a competición, o Depor podería ter visto recoñecido aquel título, un sentimento que segue moi vivo entre o deportivismo.
Sete Zamoras para a historia
Os gardametas que conseguiron o Trofeo Zamora defendendo a camiseta do Deportivo foron:
Juan Acuña: 4 (1941/42, 1942/43, 1949/50 e 1950/51).
Paco Liaño: 2 (1992/93 e 1993/94).
Jacques Songo’o: 1 (1996/97).
Sete Trofeos Zamora, tres porteiros irrepetibles e unha tradición baixo paus que converte ao Real Club Deportivo da Coruña nun dos clubs con máis historia na portería do fútbol español.
Porque antes dos grandes dianteiros, das remontadas imposibles e das noites europeas… sempre houbo un gardameta disposto a facer o imposible para defender o escudo.
O Rei de Galicia
–
-Fotomontaxe e texto : Xosé Búa “Pirata”
-Fotos dos porteiros non sabemos a autoría : Google Images


