OK LIGA : CLUB PATÍ VIC 1-4 DEPORTIVO LICEO : “PARTIDAZO DOS LICEISTAS QUE SUMAN A 4ª VITORIA CONSECUTIVA”.

 

Club Patí Vic 1-4 Deportivo Liceo

Nunca renderse. Nunca baixar os brazos. Premisas moi claras para Juan Copa e os xogadores do Deportivo Liceo, que lograron a súa cuarta vitoria consecutiva tras superar ó Vic por 1-4. O equipo coruñés continúa na segunda posición con 58 puntos, seis menos que o Barcelona (que ten un partido máis).

Os verdibrancos saíron ó Pavelló Olímpic coas ganas e a motivación habituais. Buscaron o gol desde o principio e foron capaces de permanecer atentos ós contraataques do Vic. Ernest Burgaya, meta local, detivo un penalti de Jordi Adroher pouco antes de que o mesmo ex do Benfica colocara o 0-1 a 15 minutos do descanso. Espiña eliminada. Tampouco tivo ningunha todo o Deportivo Liceo, que afogou ós xogadores de Quim López a base de intensidade.

O equipo catalán apenas gozou de posesións duradeiras e inquietou pouco a Carles Grau, que realizou a súa primeira intervención importante pasados 20 minutos de xogo. Nun broche digno á actuación ofrecida, Dava Torres e Fabri Ciocale (estreado na faceta goleadora) sumaron o 0-3. Ese resultado campou chegado o descanso.

O día de Fabri

A segunda parte non presentou un guion demasiado diferente. Juan Copa e os seus xogadores continuaron cun xogo intenso e sólido que ben puido traer o 0-4 en varias ocasións. Franco Platero e Maxi Oruste gozaron de dúas cada un, pero Burgaya e os ferros neutralizaron o gol. De feito, o que chegou foi o 1-3. Unha xogada illada de ataque do cadro local rematou nun penalti cometido sobre Sánchez, que el mesmo transformou tras rexeite.

Algo de vida para o Vic, pero o Liceo non se deixou afectar. A falta de once minutos, Fabri Ciocale sumou o segundo gol á súa conta particular para establecer o 1-4. Fíxoo cunha gran xogada individual. O choque rematou aí.

A do Vic foi a primeira das dúas saídas consecutivas da expedición liceísta. Procurará lograr a súa quinta vitoria consecutiva na pista do Vendrell.

FICHA TÉCNICA

CP VIC: Ernest Burgaya, Antoine Le Berre, Met Molas, Arnau Font, Pau Solà (quinteto inicial), Litus Sánchez, Arnau Parcerisas e Albert Masoliver.

DEPORTIVO LICEO: Carles Grau, César Carballeira, Dava Torres, Jordi Adroher, Roberto Di Benedetto (quinteto inicial), Maxi Oruste, Marc Grau, Franco Platero e Fabri Ciocale.

GOLES: 0-1 (Jordi Adroher, min. 10). 0-2 (Dava Torres, min. 22). 0-3 (Fabri Ciocale, min. 24). 1-3 (Litus Sánchez, min. 33). 1-4 (Fabri Ciocale, min. 39).

ÁRBITROS: Burgos Manotas e Godia Canaleta. Sen cartóns

INCIDENCIAS: Partido correspondente á xornada 23 da OK Liga 20/21. Pavelló Olímpic do Club Patí Vic.

-Foto : Paola Pérez.

-Crónica : https://www.hockeyclubliceo.com/cronica-vic-liceo-ok-liga-20-21/