OK LIGA. (22ª Xd) : REPASO DO DEPORTIVO LICEO AO LLORET CH, (9-1).

César Carballeira celebrando un dos seus 3 goles.

 

Deportivo Liceo 9-1 Lloret CH

Terceiro triunfo consecutivo dun Deportivo Liceo ambicioso e batallador que venceu con rotundidade ao Lloret (9-1) na xornada 22 da OK Liga. O equipo verdibranco continúa a súa persecución ao liderado, que sen dúbida loitará ata o final da competición.

Non se equivocaba Juan Copa coa súa análise previa do partido. A iniciativa foi do seu equipo, pero o Lloret demostrou que ao contraataque podía facer serio dano. Aos cinco minutos xa avisou Marc González, un dos homes máis perigosos do conxunto catalán, pero a balanza do gol inclinábase máis ao lado liceísta. Só quedaba transformalo. Dei Benedetto rozouno cunha definición ao ferro de Muñoz pouco despois de que o mesmo meta detivese unha gran xogada individual de Adroher.

A partir deste intre, o Deportivo Liceo foi capaz de ler á perfección o partido. Logrou atacar sen permitir posibilidade algunha de contras e, esta vez si, materializou o dominio con goles. Foron de César Carballeira no medio minuto máxico. Quedaban 15 para o descanso. Tres despois, o coruñés completou o seu triplete (3-0) desde o punto de penalti. O mago Adroher non quixo ser menos e anotou outros dous goles (5-0) de forma aínda máis inmediata que o seu compañeiro.

Dominio e control
Martín Garaboa substituíu a Carles Grau tras o descanso e estivo a piques de deterlle unha falta directa a Marc González nada máis regresar a pista. Este 5-1 foi rapidamente neutralizado polo recentemente renovado Dava Torres, que devolveu a vantaxe de cinco goles co seu primeiro particular. O seu segundo (7-1) chegou a 20 do final.

Precedeu a unha nova etapa de control e dominio liceístas, que atacaron ata o final a meta protexida por Andreu Muñoz. Franco Platero uniuse á festa co 8-1 e Martín Garaboa vingouse de Marc González deténdolle a súa falta directa a falta de oito minutos para a conclusión. Finalmente, o propio Platero anotou o 9-1 definitivo.

Ao Deportivo Liceo tocaralle continuar a súa persecución ao liderado na pista do CE Noia Freixenet.

 

FICHA TÉCNICA
DEPORTIVO LICEO: Carles Grau, Franco Platero, Dava Torres, Roberto Dei Benedetto, Jordi Adroher (quinteto inicial), Martín Garaboa, César Carballeira, Marc Grau, Maxi Oruste e Fabri Ciocale.

CH LLORET: Andreu Muñoz, Adrià Farré, Marc González, Max Thiel, Moi Aguirre (quinteto inicial), Joel Noguero, Pau Castells e Xavi Pérez.

GOLES: 1-0 (César Carballeira, min. 15). 2-0 (César Carballeira, min. 15). 3-0 (César Carballeira, min. 17). 4-0 (Jordi Adroher, min. 21). 5-0 (Jordi Adroher, min. 22). 5-1 (Marc González, min. 26). 6-1 ( Dava Torres, min. 27). 7-1 ( Dava Torres, min. 31). 8-1 (Franco Platero, min. 39). 9-1 (Franco Platero, min. 45).

ÁRBITROS: Villar Costa e Martínez Suárez. Mostraron tarxeta azul ao local Jordi Adroher.

INCIDENCIAS: Partido correspondente á xornada 22 da OK Liga 20/21. Palacio dos Deportes de Riazor, 250 espectadores.

-Foto : Monica Arcay, (Global Media)

-Texto : www.hockeyclubliceo.com

-Crónica en castelán : https://www.hockeyclubliceo.com/cronica-liceo-lloret-ok-liga-20-21/?lang=es

Attachment

Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso.

ACEPTAR
Aviso de cookies