Ofrenda a Nosa Señora da Barca e recepción no concello para os equipos masculino e feminino senior do CF Muxía, campións de Copa e Liga.

Unha xornada para a historia: o CF Muxía ofrece os seus títulos á Virxe da Barca e recibe a homenaxe do Concello

O que se viviu este días en Muxía foi moito máis ca unha simple celebración deportiva. Foi unha desas xornadas que quedan gravadas para sempre na memoria colectiva dun pobo. O CF Muxía, protagonista dunha tempada histórica tanto na categoría masculina como na feminina, quixo compartir os seus éxitos coa veciñanza, coa súa patroa e coas institucións municipais nun acto cargado de emoción, simbolismo e sentimento muxián.

Os dous equipos sénior partiron xuntos cara ao Santuario da Nosa Señora da Barca nunha camiñada chea de orgullo e ledicia. Abrindo a comitiva marchaba o directivo Manuel “Lolo” Fernández, portando a Copa da Costa conquistada polo equipo masculino, un trofeo que acompañou durante todo o percorrido ata o Santuario e que, ao chegar, foi elevado diante do templo nun dos momentos máis especiais da xornada.

Xa no interior do templo xogadores e xogadoras, corpo técnico, directivos, e os mandatarios participaron nunha ofrenda cargada de simbolismo. Os capitáns do equipo masculino, Maikel Vilela e Julián Busto, levaron ata o altar a histórica Copa da Costa, a primeira que consegue o club nos seus 62 anos de historia tras vencer hai duas semanas ao SCD Malpica na gran final.

Pola súa banda, as capitanas do equipo feminino, Patri Romaní e Barca Toba, ofreceron á Virxe da Barca a copa que acredita ás muxiás como campioas da Segunda Galicia Feminina Grupo 1, un título que chegou acompañado do ascenso á Primeira Galega Feminina. Un éxito extraordinario para un equipo que apenas conta con tres anos de vida e que xa escribiu unha das páxinas máis brillantes da historia do fútbol feminino muxián.

Xunto aos trofeos tamén se depositou un centro de flores aos pés da Virxe. O párroco dirixiu unhas palabras aos presentes e todos os asistentes rezaron unha Ave María en acción de grazas polos éxitos acadados. Foi un instante de profunda emoción no que non faltaron as bágoas.

“A verdade é que foi un día para quedar no recordo, bonito e emotivo”, sinalábanos o presidente do club, Juan José Busto. “Entramos todos e todas no santuario e os capitáns e capitanas subiron as copas ata onde o camerín da Virxe da Barca para ofrecérllas xunto cun centro de flores. O cura deu unhas palabras, rezamos todos unha Ave María dándolle as grazas á Nosa Señora e máis dun viñéronnos as bágoas aos ollos. Foi un acto moi emotivo”, explicábanos.

Tras a ofrenda relixiosa realizáronse fotografías de familia tanto diante do altar como na entrada do Santuario, inmortalizando unha xornada irrepetible para a entidade. Estes mesmos actos tiveron lugar o ano pasado, que foi duro o perder os dous equipos a Copa da Costa nos penaltis e pideuselle a Nosa Señora da Barca en palabras do presidente e do párroco Don Daniel Turnes, que para o ano “a ver se voltamos ca copa”, pois un ano despois voltouse con duas.

A celebración continuou posteriormente na Casa do Concello, onde os dous equipos foron recibidos polas autoridades municipais. O alcalde, Javier Sar, e a tenente de alcalde, Sandra Vilela, (que tamén estiveron na Barca), felicitaron aos xogadores, xogadoras, corpos técnicos e directiva polos éxitos acadados e agradeceron o traballo realizado para levar o nome do CF Muxía e de toda a vila ao máis alto do fútbol da Costa.

A recepción serviu para poñer en valor non só os títulos conquistados, senón tamén o esforzo, a dedicación e o compromiso dun club que segue medrando temporada tras temporada. O primeiro título ligueiro e o primeiro ascenso do equipo feminino a Primeira Gelga, xunto coa primeira Copa da Costa masculina en máis de seis décadas de historia, constitúen dous fitos que xa forman parte do patrimonio deportivo de Muxía.

Un día de celebración, de agradecemento e de orgullo. Un día para a historia do CF Muxía. Un día que, como dicía o seu presidente, “quedará para sempre no recordo”, as bagoas derramadas o ano pasado de tristura convertéronse en bágoas de ledicia.

-Texto e montaxe : Xosé Búa “Pirata”

-Fotos : CF Muxía