O futbolista muxián do RC Deportivo, Raúl Lema, volve recibir unha gran noticia na súa prometedora carreira deportiva tras ser convocado unha vez máis pola Selección Española Sub16. Con só 15 anos, o dianteiro continúa dando pasos de xigante na súa progresión, consolidándose como unha das grandes promesas do fútbol base galego.
Esta é xa é a cuarta convocatoria coa Selección Nacional para o xogador da Costa da Morte, habitual tamén nas distintas categorías da Selección Galega. Precisamente co combinado autonómico acadaba hai menos dun mes o ascenso á 1ª División de Seleccións Territoriais Sub16, sendo unha das grandes figuras do equipo e o xogador máis destacado nas tres eliminatorias disputadas.
Raúl Lema, que xa suma 10 encontros internacionais coa camiseta española, e poderá chegar a dúcia, continúa acumulando experiencias de máximo nivel. Hai apenas quince días participou no Torneo de Desenvolvemento da UEFA disputado en Turquía, onde España se mediu a potencias do fútbol europeo como Francia, Inglaterra e Dinamarca, demostrando unha vez máis o seu talento e capacidade competitiva.
Agora, o dianteiro muxián afrontará un novo reto internacional con dous encontros amigables fronte a Suíza. Os partidos disputaranse o martes 10 de marzo ás 15:00 horas e o xoves 12 de marzo ás 10:00 horas no Albir Garden Resort, en El Albir (Alfaz del Pi, Alacante). Ambos encontros poderán seguirse a través das canles oficiais da RFEF.
O seleccionador nacional, Hernán Pérez, confeccionou para esta concentración unha lista de 22 xogadores na que Raúl Lema é o único representante dun club galego, un feito que evidencia o enorme nivel que está a amosar o futbolista do RC Deportivo. A expedición concentrarase o luns 9 de marzo para iniciar os adestramentos, traballando en terras alacantinas ata a finalización da concentración tras o segundo encontro.
Un talento precoz que ilusiona
Dianteiro de gran talento, velocidade e instinto goleador, Raúl Lema está a vivir unha evolución meteórica. No RC Deportivo competindo sempre en categorías superiores a sua idade, xoga este ano nos equipos xuvenís pese á súa xuventude, confirmando unha madurez futbolística pouco habitual para a súa idade.
A súa progresión constante tanto no club coruñés como nas seleccións galega e española reflicte un crecemento sostido baseado no traballo, o talento e a ambición. Lema continúa queimando etapas a gran velocidade, situándose como un dos nomes propios do futuro do fútbol base deportivista e galego.
O seu éxito é tamén motivo de orgullo colectivo: para Muxía, que ve medrar a un dos seus talentos máis brillantes; para o RC Deportivo e todo o deportivismo, que segue de preto a evolución dunha das súas grandes promesas; e para o fútbol base galego, que atopa en Raúl Lema un referente e un exemplo para as novas xeracións.
Con só 15 anos, o camiño aínda é longo, non hai nada feito, moito traballo por diante, cabeza e pés no chan, pero o xerme está prantado e cada convocatoria confirma que Raúl Lema continúa avanzando con paso firme cara a un futuro que se promete cheo de ilusión e oportunidades.
Raúl Lema ca Selección
.
-Fotos : Javier Lema
-Fotomontaxe e texto : Xosé Búa “Pirata”

