O “XI Camiño a Vela” toca xa costas galegas e chegará a Muxía o vindeiro 23 de xuño.

As embarcacións participantes na XI edición de “O Camiño a Vela” xa navegan por augas galegas despois de completar o percorrido pola costa vasca, cántabra e asturiana. A travesía, que este ano partiu desde Hondarribia, no País Vasco, en lugar de facelo desde La Rochelle (Francia), como viña sendo habitual nas edicións anteriores, continúa avanzando cara ao seu destino final: Santiago de Compostela.

Un dos momentos máis especiais da ruta volverá vivirse en Muxía. O porto deportivo muxián recibirá á frota o vindeiro 23 de xuño, converténdose por undécima vez nunha das escalas máis significativas desta peregrinación marítima que une mar, cultura, turismo e tradición xacobea.

A chegada á Vila da Barca non é casual. Muxía constitúe un dos grandes referentes espirituais e mariñeiros do Camiño de Santiago. Aquí atópase o Santuario da Nosa Señora da Barca, considerado o Santuario Mariano máis importante de Galicia, (foi o primeiro en culto a Virxe), e final da prolongación costeira do Camiño de Santiago e da Vía Mariana. Segundo a tradición, foi neste lugar onde a Virxe María se apareceu ao Apóstolo Santiago cando este atravesaba momentos de desánimo na súa labor evanxelizadora, chegando nunha barca de pedra da que, aínda se conservan os restos pétreos nos arredores do santuario, visitados cada anos por milleiros de persoas devotas e turistas.

Durante a súa estancia en Muxía, os participantes visitarán o santuario e tomarán parte en diferentes actos organizados arredor da travesía, ademais de gozar da gastronomía, do patrimonio e da hospitalidade dunha vila que nos últimos anos se converteu nun dos puntos de referencia para os navegantes que percorren a costa atlántica.

Non en van, Muxía ocupa unha situación privilexiada no mapa náutico. No medio da costa muxiana temos o Cabo Touriñán, o punto máis occidental da España peninsular e un dos extremos xeográficos máis destacados da Europa continental, constitúe unha escala estratéxica para embarcacións e regatas que navegan de norte a sur ou de sur a norte polo Atlántico.

Ao día seguinte, o 24 de xuño, a frota despedirase da Vila da Barca para continuar rumbo a Muros, onde terán un día de descanso. Desde alí partirán haia a Pobra, (25/06), para logo chegar a Vylagarcía, (26), e de alí irán xa por tera a Padrón, (27), para completar a última etapa do Camiño a pé ata Santiago de Compostela.

A travesía consolídase así como unha das iniciativas máis singulares do panorama náutico e xacobeo, combinando a paixón polo mar coa promoción do patrimonio costeiro, a cultura mariñeira e a peregrinación a Compostela.

.

-Foto : A orgañización

-texto : Xosé Búa “Pirata”