O Xallas feminino co subcampionato da Copa Deputación ponlle o broche a un ano para lembrar

O Xallas FC feminino pechou a súa participación na Copa Deputación da Coruña cun brillante subcampionato, confirmando que o excelente momento que atravesa o equipo de Santa Comba non é froito da casualidade.

As xalleiras, dirixidas por Eloy García, chegaron á final despois de superar nas semifinais o San Xoán de Calo por 4-2, nun encontro no que Claudia Espasandín foi a gran protagonista cun espectacular triplete. María completou o marcador das de Santa Comba.

Na final, o Xallas tivo que medirse a un rival de categoría superior, o San Pedro de Oleiros, que acabou impoñéndose por 2-0. A derrota non empaña, en absoluto, o percorrido dun conxunto que volveu demostrar que pode competir e dar a cara ante calquera adversario.

Este subcampionato pon o punto final a unha tempada extraordinaria para as costeiras. O Xallas vén de conquistar a Copa da Costa, logrou a permanencia na Primeira Galicia Feminina e agora suma ao seu palmarés este segundo posto na Copa Deputación.

Unha traxectoria que fala por si soa e que permite ás xalleiras afrontar con ilusión o novo curso. De feito, a competición ligueira está xa á volta da esquina, cunha estrea especialmente atractiva: derbi ante o Muxía o “Domingo da Barca”, (13/09) no “A Fontenla”, (Santa Comba).

En Santa Comba hai motivos para o optimismo. O Xallas feminino demostrou ao longo dun ano inesquecible que ten argumentos para seguir medrando, competindo e facendo historia. Campioas da Copa da Costa, equipo de Primeira e agora subcampioas provinciais: un curso sobresaliente para as de Santa Comba.

–

-Foto : O club

-Texto : Xosé Búa “Pirata”

–