O Xallas FC ascende a Primeira Futgal G2 e salva do descenso a 3ª da Costa o Sofán “B” da que asendeu o UC Cee na promoción.

Xallas FC 0-0 Atlético Castros

O Xallas certifica o ascenso e regresa á Primeira Futgal G2.

O Xallas FC xa é equipo de Primeira Futgal G2, segundo ascenso en 3 tempadas e con xente da casa. O conxunto xalleiro fixo bo o valioso 0-1 acadado no encontro de ida e soubo defender a súa vantaxe na volta da eliminatoria final polo ascenso, empatando sen goles ante o Atlético Castros no Municipal da Fontenla.

A xornada estivo marcada polo cambio de horario. O encontro, previsto inicialmente para as 12:00 horas do Domingo, tivo que ser aprazado ata as 20:00 horas debido á alerta por altas temperaturas, tal e como xa vos informamos na previa.

A directiva xalleira reaccionou en tempo récord para reorganizar toda a xornada e mesmo instalou unha pantalla no recinto para que os afeccionados puidesen seguir o encontro entre España e Arabia Saudí antes do decisivo choque de fútbol que lles esperaba.

Sobre o céspede, o Xallas afrontou o partido coa tranquilidade, (antre comillas), que lle daba a renda da ida, pero sen especular. Os de Bruno Prego mantiveron a orde defensiva e souberon controlar a un Atlético Castros que precisaba marcar para igualar a eliminatoria. Co paso dos minutos, os locais foron achegándose ao obxectivo e, tras un encontro intenso e moi disputado, e con moito nervosismo polo resultado, o asubío final desatou a festa na Fontenla.

A ledicia foi total na parroquia xalleira. Primeiro sobre o terreo de xogo, coa afección invadindo de emoción o campo, e posteriormente polas rúas de Santa Comba, onde xogadores, corpo técnico e seareiros celebraron por todo o alto un ascenso moi traballado a vez que desexado e esperado.

Catro equipos da costa no curso 2026/27

Na vindeira campaña, o Xallas FC competirá en Primeira Futgal G2 xunto ao CF Muxía, ao veciño SD Castriz e o SD San Lorenzo. Pola contra, o fútbol costeiro perde presenza na categoría, cun equipo menos ca no curso pasado, tralos descensos directos do Camariñas FC, SD Fisterra e SCDR Esteirana, e despois de que o CD Baio non lograse culminar o ascenso na promoción.

O Xallas salva o Sofán “B” de descender

Moi pendentes deste encontro estaban en Sofán, e varios dos seus seguiron o choque dos xalleiros en direto. O ascenso dos de Bruño Prego fixo que non houbese máis arrastres da Liga da Costa a 3ª da Costa, polo que o filial do Sofán xogará un ano máis da Liga da Costa a que ascendía o UC Ce tras derrotar de novo ao Sporting Seaia CF no San Paio de Refoxos, tal e como xa vos informamos e podedes ver a crónica PREMENDO AQUÍ.

Os xalleiros celebraron o ascenso onda a imaxe de Santa Colomba, icona do pobo de Santa Comba.

Bruno Prego, (adestrador do Xallas FC) :Empate a 0-0 nun partido moi traballado e de gran esixencia táctica, no que o equipo realizou un enorme esforzo colectivo para conseguir un obxectivo histórico: o segundo ascenso en tres anos, ademais logrado integramente con xente da casa.

O plan de partido foi claro desde o inicio. Optamos por un posicionamento replegado, buscando pechar espazos, defender con solidez e saír con velocidade nas transicións ofensivas. En fase defensiva, o equipo adaptouse para defender cunha liña de cinco, mostrando unha gran disciplina, compromiso e solidariedade en cada acción.

A primeira metade foi moi igualada, cun rival que tivo a posesión en moitos momentos, pero sen atopar apenas ocasións claras grazas ao gran traballo defensivo de todo o equipo.

Na segunda parte, demos un paso adiante e fomos capaces de xerar varias ocasións moi claras de gol. Incluso dispuxemos dun penalti que non fomos quen de transformar, pero o equipo seguiu competindo ata o último minuto sen perder a calma nin a súa identidade.

O 0-0 final certifica un ascenso que ten un valor enorme, non só polo aspecto deportivo, senón tamén polo que representa: un proxecto construído con xente da casa, baseado no compromiso, no esforzo e no sentimento de pertenza.

Segundo ascenso en tres anos. Un premio ao traballo de moito tempo, á unión do grupo e ao orgullo de representar o Xallas FC“.


Xallas FC : Iván Couto; Iván García , Adrián Couto, Bryan García, Sergio Barbeira, Rubén Sande, Dani Barbeira, Yago Facal, Elvis Rodríguez, Adrián López e Rubén Blanco.
Suplentes: Iker Arán, Martín Fernández, Pablo Landeira, Sergio “Doro”, David Pereira , Julián Martínez e Alberto Jallas.
Substitucións: David Pereira por Iván García (60′); Alberto Jallas por Bryan García (85′) e Sergio “Doro” por Adrián Couto (88′).
Adestrador: Bruno Prego Cancela.
Atlético Castros : Guillermo Rodríguez, Carlos Suárez, Mateo, Marcos Cousillas, Juan Rifón, Enrique Iglesias, Pablo Gutiérrez, Mauro Lodeiro, Ernesto Roma, Ignacio Seoane e Pablo Blanco.
Suplentes: Adrián Maneiro, Álvaro Lamas, Miguel A. García, Jacobo Pérez, Martín Suárez, Jorge Rodríguez e Alejandro Fernández.

Substitucións: Miguel A. García por Pablo Gutiérrez Prado (61′).
Jacobo Pérez por Mateo Oreiro (61′) e Jorge Rodríguez  por Enrique Iglesias (76′).

Adestrador: Andrés Víctor Calvo Piñeiro.

Goles: 0-0
Árbitro: Bruno Méndez Castro asistido nas bandas por Alfonso Caamaño e Manuel Rodríguez. Amosoulle polo Xallas cartóns a : Iván García (15′), Rubén Blanco (23′) e Sergio Barbeira (65′) e polo Atl. Castros a : Mateo Oreiro (41′), Pablo Blanco  (58′) e Carlos Suárez (80′) e un vermello a Alejandro Fernández (58′).
“A nosa máis cordial noraboa a tódolos que forman o Xallas FC”.

-Foto : Bruno Prego

-Texto e montaxe : Xosé Búa “Pirata”