O Vimianzo TM, (der.) nun choque de arquivo.
O Vimianzo TM está a piques de escribir unha páxina dourada na súa historia deportiva. O conxunto da Costa da Morte, baixo a denominación de VTM Pinturas Figueiras, chega á derradeira xornada da Primeira División Galega de tenis de mesa cun obxectivo tan claro como ambicioso: conquistar o seu primeiro título de liga.
A pesar do tropezo pola mínima na pasada fin de semana, o equipo mantén intactas as súas opcións e dependerá de si mesmo para facer realidade un fito que quedaría gravado para sempre na memoria do club. A cita decisiva será este sábado ás 17:00 horas no polideportivo municipal do barrio das Flores, na Coruña, onde se enfrontará ao CTM Coruña “A” no último partido da tempada.
As contas son sinxelas, pero esixentes: o VTM necesita unha vitoria que lle outorgue os tres puntos e, con eles, o campionato. No caso de non lograr o triunfo, aínda tería unha segunda vía, sempre pendente do que faga o Conxo TM, que non debería sumar os 10 puntos posibles nos dous encontros que lle restan.
Non será, en ningún caso, un compromiso doado. O rival coruñés xógase a permanencia e loitará con todo para evitar o descenso, o que garante un duelo de máxima intensidade e tensión competitiva.
Así, o tenis de mesa da Costa da Morte contén a respiración ante unha oportunidade histórica. O Vimianzo TM está a un paso da gloria. Agora, só queda dar o golpe definitivo sobre a mesa.
+++++++++++++++++++++++
Campionato Intercomarcal “Xogade”
O tenis de mesa segue medrando con forza na Costa da Morte, e especialmente en Vimianzo, onde a canteira non deixa de dar alegrías. No recente Campionato Intercomarcal “Xogade”, o Concello de Vimianzo foi o que máis participantes achegou á competición, deixando clara a boa saúde dunha escola que non para de medrar.
Os resultados falan por si sós. Os rapaces da Escola Municipal de Tenis de Mesa firmaron unha actuación sobresaliente, acadando podio en todas as categorías nas que competiron. Un pleno de primeiros, segundos e terceiros postos que reflicte o traballo constante que se está a realizar dende a base.
Máis alá dos éxitos deportivos, tamén cómpre salientar o enorme progreso da escola, que vive un momento de auténtico auxe. Tanto é así que xa existe lista de agarda para poder entrar, unha mostra evidente do interese que está a espertar este deporte entre a mocidade da zona.
Vimianzo consolídase así como un dos grandes referentes do tenis de mesa na comarca, cun presente brilante e, sobre todo, cun futuro máis que prometedor.
.
-Fotos e información : Paco Paz
-Texto e montaxe : Xosé Búa “Pirata”
