O VINDEIRO VENRES SANTO : Muxía retoma a tradicional festa do Congro cunha XXIV edición moi especial e chea de novidades.

 

  • Tras o parón de dous anos derivado pola COVID-19, o Concello aposta por unha programación completa e variada durante os días 15 e 16 de abril.

  • Entre as actividades destacan a degustación do congro e do mexillón, música en directo, así como unha mostra de artesanía en vivo e exposición dos secadoiros tradicionais de congro de Muxía.

 Muxía ten preparado unha gran edición para a festividade do Congro deste ano. Tras dous anos de parón, derivado pola pandemia, esta XXIV edición ten todo os ingredientes para que sexa unha festa moi especial.

A celebración comezará ás 13:00 horas do venres, 15 de abril, coa degustación do congro en especialidades no porto de Muxía. A xornada gastronómica virá amenizada polo grupo musical Xaramiños do Corporiño. A continuación terá lugar a sesión vermú a cargo do Dúo Charada.

Na quenda vespertina, a festa contará coas actuacións en directo do Combo Dominicano e a continuación a discoteca móbil Mega CDC.

Durante o sábado, desde as 13:00 h o paseo marítimo acollera a degustación do mexillón, así como a Sesión Vermú e Verbena a cargo de Dúo Charada.

Ademais, durante os dous días as persoas visitantes poderán gozar da mostra de artesanía en vivo na Casa das Beiras. Tamén estará dispoñible unha exposición dos secadoiros tradicionais de congro.

Tras a presentación, o alcalde Iago Toba, puxo en valor que “tras dous anos sen esta festa tan especial para todos os muxiáns e muxianas, desde o goberno local apostamos por unha gran edición da festa do congro, con moitas novidades e que estamos seguros de que vai a gustar moito a toda a veciñanza”.

-Foto e Texto : Departamento de Prensa Concello de Muxía