O “Trofeo Manolo Martín” celebrará a súa XLIII edición cun triangular entre Muxía CF, Bergantiños FC e Pontevedra CF o 23 de agosto.

O campo municipal da Arliña converterase o vindeiro 23 de agosto no escenario dunha das citas máis emblemáticas do fútbol de verán na Costa da Morte coa disputa da XLIII edición do Trofeo Manolo Martín, un torneo que transcende o ámbito deportivo para render homenaxe póstumo a memoria dunha das figuras máis queridas e importantes da historia do CF Muxía.

Nesta ocasión, o trofeo disputarase en formato triangular e contará coa participación do Muxía CF, anfitrión do evento, o Bergantiños FC, conxunto de Segunda Federación, e o Pontevedra CF, que milita na Primeira Federación.

A competición arrincará ás 17:00 horas co encontro entre o Muxía CF e o Bergantiños FC. Ás 18:15 horas será a quenda do duelo entre o equipo muxián e o Pontevedra CF, mentres que o terceiro e último partido da tarde, entre Bergantiños FC e Pontevedra CF, disputarase a partir das 19:30 horas.

Máis aló do atractivo deportivo, o Trofeo Manolo Martín mantén vivo o legado dunha persoa fundamental para o fútbol muxián. Manolo Martín que nos deixaba fará un ano o 30 de xullo, aos 81 anos de idade, foi un dos xogadores que formaron parte do Muxía CF nos seus primeiros anos de vida tras a fundación do club en 1964. Co paso do tempo converteuse nun prestixioso avogado cun recoñecido bufete en Santiago de Compostela, pero nunca esqueceu as súas raíces nin o club dos seus amores, nen aos seus amigos da infancia.

Ao longo da súa vida destacou polo seu carácter altruísta e polo seu compromiso coa vila de Muxía. Foi un importante benefactor do Muxía CF e impulsor deste torneo, que ao longo das súas máis de catro décadas de historia permitiu traer á Arliña equipos de gran nivel do panorama galego e nacional, converténdose nun referente dos torneos estivais.

O espírito solidario de Manolo Martín estivo sempre presente nesta iniciativa. Os fondos recadados a través do trofeo destináronse tradicionalmente a apoiar con material deportivo e economicamente ao club muxián, e tamén á concesión de bolsas para fillos de mariñeiros, unha mostra máis da súa sensibilidade social e do seu compromiso coa comunidade.

A súa vinculación con Muxía foi tamén relixiosa e cultural, sendo un gran devoto da Virxe da Barca e un destacado colaborador e benefactor do Santuario da Barca, unha das grandes referencias espirituais e patrimoniais de Galicia e da Costa da Morte.

Cun cartel de luxo e coa presenza de dous históricos do fútbol galego como Pontevedra CF e Bergantiños FC, 8que xa xogaron este trofeo en algunha ocasión), a “XLIII edición do Trofeo Manolo Martín” promete converterse nunha gran festa do fútbol e nun novo recordo á figura dun home que deixou unha fonda pegada no deporte, na cultura e na vida social de Muxía.

Manolo Martín a dereita da Copa da Costa.

Sempre o orgañizou Manolo Martín ou Manolito, (como é coñecido en Muxía), e desta vez por primeira vez é o clube o que o orgañiza. Xa quixo o clube que preside Juan José Busto celebralo o ano pasado, pero debido a que ainda facía moi pouco do seu pasamento, tras falar cos familiares preferiron deixalo para máis adiante. Na Copa da Costa do 2025 que celebraba a sua 60ª edición o clube muxián fíxolles unha homenaxe a Manolo Martín xunto con 4 dos 5 que vivían daquela primeira copa no 1966 que compartiron aqulea histórica final que perderon tras xogarse 3 encontros ante o Xallas FC, e que todos lembran como un “atraco”.

-Cartel e información : Prensa CF Muxía

-Texto : Xosé Búa “Pirata”

AVISO IMPORTANTE

“Nesta época estival tan só iremos poñendo os torneos, renovacións, fichaxes, amistosos, etc, que os clubes, afeccionados, socios, etc nos envíen, tal e como xa vimos facendo nos derradeiros anos. Poden mandarnos a información, fotos, vídeos, etc, o noso Whatsapp : 626 72 00 47 ou polas canles que temos na parte de abaxio da web en calquer noticia ou na portada”.