O RC Deportivo presentou a súa campaña de abonos para a tempada 2026/27 baixo o lema “O teu lugar en Primeira”, unha campaña que chega marcada polo esperado regreso do club á máxima categoría do fútbol español. Un retorno que todos os deportivistas soñaban vivir e que inevitablemente ía traer consigo unha actualización dos prezos tras dous anos en Segunda División.
Ata aí, pouca sorpresa.
O que quizais non esperaba unha boa parte da masa social deportivista era que a subida fose tan considerable nalgunhas zonas do estadio nin que determinadas medidas organizativas acabasen provocando un profundo malestar entre sectores históricos da bancada.
Porque se algo está xerando debate nas últimas horas non son só os prezos, senón tamén as condicións impostas para determinadas renovacións.
Un incremento que se esperaba… pero non desta magnitude
O regreso á Primeira División leva asociado un aumento dos custos, máis partidos de nivel, maiores gastos estruturais e unha competición moito máis esixente. Iso é algo que a práctica totalidade da afección entende.
De feito, poucos socios dubidaban de que os carnés ían subir bastante respecto ás campañas anteriores.
O problema está en que moitos consideran que o incremento foi máis elevado do esperado, especialmente en determinadas zonas de Riazor, o que provocou unha reacción inmediata nas redes sociais e nos diferentes foros deportivistas, cousa que ainda que fosen menores tamén ía haber, tamén hai que dicilo xa que hai algúns, (o mellor nen socios son), disparan a todo que se move.
A afección acepta que estar en Primeira custa máis, pero tamén lembra que foi precisamente esa mesma afección a que sostivo ao club durante os anos máis duros, enchendo Riazor en “Terceira de merda”, en Segunda e en cada momento complicado da última década.
A bancada de General, en pé de guerra
Pero onde a indignación está sendo máis visible é entre os socios da bancada de General, (Maratón Inferior), a grada de animación que se converteu no pulmón sonoro de Riazor sempre, nas boas, nas malas e nas peores.
Falamos dunha bancada que supera amplamente os 4.000 socios e que é, sen discusión, a que marca o ritmo da animación no estadio.
Porque guste máis ou menos, a realidade é que son eles os que tiran do resto da bancada. Son os que manteñen os cánticos durante antes, os noventa minutos, e despois e que empurran ao equipo nos momentos difíciles e os que conseguiron recuperar unha atmosfera difícil de soportar para os equipos aos que se lles fan mi longos os encontros en Riazor.
Sen esta bancada Riazor sería un estadio silencioso.
Por iso, a decisión do club de establecer para este sector un procedemento especial de renovación presencial foi recibida como unha auténtica afronta por unha parte importante dos seus integrantes.
A renovación presencial, un dos centros da polémica
Segundo os requisitos establecidos, os integrantes desta bancada deberán realizar a renovación de maneira presencial e asinar unha documentación específica.
Unha medida que moitos socios consideran discriminatoria ao non aplicarse ao resto das zonas do estadio.
A sensación que existe entre numerosos afeccionados é que se está tratando de aplicar un modelo importado doutras realidades futbolísticas, de ambentes perigosos, (nunca houbo un problema nesta bancada), que pouco teñen que ver coa historia e coa forma de vivir o fútbol en Riazor.
O malestar aumenta ao comprobar que mentres a práctica totalidade dos socios poden tramitar a súa renovación desde a casa, os integrantes desta grada deberán desprazarse obrigatoriamente.
Un problema para miles de deportivistas de fóra da Coruña
Aquí aparece outro dos puntos máis criticados. Unha parte moi importante dos socios da bancada de animación non reside na Coruña. Hai deportivistas de toda Galicia, de Asturias, Castela e León, Madrid e incluso doutros puntos de España que forman parte desta zona do estadio.
Unha das protestas nas redes e grupos de socios e que moitos traballan en horario de oficina, outros viven a centos de quilómetros e para eles desprazarse unicamente para asinar un documento pode converterse nun auténtico quebradeiro de cabeza. O clube explica, (ver máis abaixo), que haberá excepcións para este problema ou outro tipo de problemas de movilidade).
A pregunta que moitos se fan é evidente: por que un socio de Maratón Inferior debe facer presencialmente un trámite que o resto dos abonados pode completar en poucos minutos desde o ordenador ou o móbil?. (Máis abaixo a explicación do responsable desta área do clube).
A crítica non é só pola incomodidade. A crítica é porque numerosos afeccionados consideran que se lles está aplicando un criterio diferente ao resto da masa social.
Que di o clube? :
Un Dépor de Primeira necesita unha afección unida
O club destaca na súa presentación que os novos abonos incorporan máis vantaxes, novas modalidades, descontos, programas para simpatizantes, reforzo do sistema de liberación de asentos e incentivos para manter un Riazor máis cheo.
Tamén subliña que máis do 40% dos abonados contarán con algún tipo de bonificación e que os prezos seguen situándose por baixo doutros clubs da categoría.
Argumentos todos eles perfectamente defendibles.
Porén, a polémica xerada arredor da bancada de animación ameaza con eclipsar parte da mensaxe positiva que pretendía transmitir a campaña.
Porque o regreso á Primeira debería ser un momento de ilusión compartida. Un momento para celebrar que o Dépor volve ao lugar que merece.
E precisamente por iso, moitos socios consideran que agora máis ca nunca é necesario tender pontes e evitar medidas que poidan ser interpretadas como unha diferenciación entre afeccionados.
Porque se algo demostrou o deportivismo nos anos máis difíciles é que o verdadeiro patrimonio do club non está nin nos despachos nin nos balances económicos.
Está na bancada.
Está neses miles de afeccionados que seguiron animando cando todo se derrubaba.
E entre eles, de maneira moi especial, nunha grada que leva anos poñendo voz ao sentimento branquiazul e que hoxe se sente sinalada nun momento no que o que debería prevalecer é a unión para afrontar xuntos o regreso á Primeira División.
O club xustifica as medidas en Maratón Inferior polo risco de sancións e peche da bancada
O responsable da Área Social do RC Deportivo, José Manuel García, explicou os motivos que levaron ao club a implantar novas condicións para os socios de Maratón Inferior, a grada de animación de Riazor.
Segundo indicou, o principal obxectivo é garantir que a bancada continúe aberta e chea durante toda a tempada en Primeira División, xa que o club teme posibles sancións que poderían derivar incluso no seu peche temporal.
García lembrou que o Deportivo arrastra expedientes sancionadores derivados da invasión de campo durante a celebración do ascenso ante a UD Las Palmas. Neste momento, o club xa tivo que afrontar unha sanción de 90.000 euros, unha cifra que podería chegar ata os 350.000 euros se prosperan outras propostas sancionadoras.
Ademais, sinalou que o Deportivo está obrigado a cumprir a lexislación vixente en materia deportiva e de seguridade, insistindo en que as novas medidas non buscan acabar coa animación, senón precisamente protexela e garantila no futuro.
O responsable deportivista explicou tamén que Maratón Inferior é unha zona de animación activa que o club quere potenciar, pero asegurando que se respecten os límites de capacidade e as medidas de seguridade. Neste sentido, apuntou que nun sector preparado para unhas 4.000 persoas non pode haber unha ocupación superior.
Respecto á polémica xerada pola obrigatoriedade da renovación presencial, García restoulle importancia asegurando que se trata dun trámite moi breve, de apenas cinco minutos. Tamén avanzou que os socios que, por motivos xustificados, non poidan acudir persoalmente, poderán solicitar de maneira excepcional a renovación telemática presentando a documentación correspondente.
Segundo o club, estas medidas buscan asegurar que Maratón Inferior permaneza aberta esta tempada e nos próximos anos, garantindo ao mesmo tempo que cada abonado dispoña da súa localidade e que a grada continúe sendo o motor da animación en Riazor.
Presentación da campaña do RC Deportivo
O RC Deportivo presenta hoxe os abonos da tempada 2026/2027, unha tempada marcada polo regreso do equipo a LaLiga EA SPORTS e por unha idea que resume o sentimento de todo o deportivismo: O teu lugar en Primeira.
Despois de anos de esforzo, fidelidade e orgullo compartido, ABANCA-RIAZOR volve prepararse para vivir grandes partidos, grandes emocións e o mellor espectáculo deportivo. O Dépor regresa a Primeira e faino acompañado por aquilo que nunca perdeu: unha afección que seguiu enchendo a bancada, empurrando o equipo e demostrando que ser do Dépor é moito máis ca estar nunha categoría.
Os novos abonos nacen para acompañar esta nova etapa. Unha tempada en LaLiga EA SPORTS esixe máis do Club, do equipo e de todas as persoas que formamos parte desta historia. Pero tamén ofrece máis: máis partidos do máximo nivel, máis vantaxes, novas modalidades, máis opcións para seguir vinculado ao Dépor e novas ferramentas para que cada asento de #ANOSACASA siga sumando.
Máis formas de vivir o Dépor
A tempada 2026/2027 incorpora distintas modalidades para adaptarse a diferentes formas de vivir o Club: abonos con localidade, abonos bonificados, abonos VIP, modalidade Ouro e novas modalidades sen localidade para quen quere seguir formando parte do Dépor aínda que non dispoña de asento fixo en ABANCA-RIAZOR.
O obxectivo é que cada deportivista poida atopar a súa maneira de estar preto do Club: desde quen quere conservar o seu asento de sempre ata quen vive o Dépor desde a distancia, desde quen quere animar activamente na bancada ata quen quere que os máis pequenos comecen a formar parte desta historia desde os seus primeiros anos.
Máis do 40% das persoas abonadas terá algún tipo de bonificación
O RC Deportivo mantén un modelo amplo de bonificacións para acompañar distintos colectivos de deportivistas. Máis do 40% das persoas abonadas contará con algún tipo de bonificación no prezo anual.
As modalidades bonificadas inclúen descontos para maiores de 65 anos, persoas con diversidade funcional, Sub-25 e ADN Branquiazul Sub-15. As bonificacións contemplan un 20% de desconto para maiores de 65 anos e diversidade funcional, un 40% para Sub-25 e un 55% para ADN Branquiazul Sub-15.
Ademais, o Club procurou que a actualización de prezos teña un impacto máis contido nas zonas máis económicas do estadio, mantendo opcións de acceso para distintos perfís de afeccionado.
Un abono con máis vantaxes para abonados e simpatizantes
Os abonos 2026/2027 incorporan máis beneficios para as persoas abonadas e simpatizantes. Entre as principais melloras destaca o incremento do desconto nas DéporTiendas e en deportienda.es, que pasa do 5% ao 10% para as principais modalidades.
Segundo a modalidade elixida, as persoas abonadas e simpatizantes poderán acceder a sorteos exclusivos, experiencias como Matchday VIP ou meet & greet con xogadores, camisetas, tarifas especiais no Museo & Tour, vantaxes adicionais de patrocinadores e colaboradores, descontos en actividades do Club, preferencia ou prioridade na compra de entradas e vantaxes vencelladas a #ANosaCanteira.
O abono dixital na APP RCDeportivo será a forma principal de levar o carné durante a tempada. Quen desexe dispoñer tamén de carné físico poderá solicitalo cun custo de 3,50 euros e envío a domicilio.
Deportivista + e Deportivista: seguir a formar parte do Dépor, tamén sen localidade
A tempada 2026/2027 incorpora dúas novas modalidades para quen quere seguir formando parte do RC Deportivo sen contar cunha localidade fixa en ABANCA-RIAZOR: Deportivista + e Deportivista.
Deportivista + está pensado para quen quere manter unha vinculación activa co Club, conservar o seu número e antigüidade, gozar de vantaxes, participar en sorteos e experiencias, acceder a descontos e ter prioridade para optar a un futuro abono con localidade cando exista dispoñibilidade. Este novo programa substitúe ao antigo Soci@ Amig@.
Deportivistapermite seguir formando parte do Dépor, manter o vínculo co Club, gozar de vantaxes, descontos, promocións e preferencia na compra de entradas.
Tamén se mantén a modalidade Deportivista JR, pensada para que os deportivistas máis pequenos formen parte do Club desde os seus primeiros anos.
Máis Dépor: Dépor ABANCA, Fabril e Liceo
O Dépor non remata no primeiro equipo masculino. Por iso, os abonos 2026/2027 amplían as opcións para acompañar tamén ao Dépor ABANCA e ao Fabril durante toda a tempada.
As persoas abonadas e titulares de carné deportivista poderán engadir o acceso a todos os partidos do Dépor ABANCA por 20 euros, o acceso a todos os partidos do Fabril por 20 euros ou o extra conxunto Dépor ABANCA + Fabril por 35 euros, sempre supeditado á retirada previa de entrada, dispoñibilidade, aforo, recinto e operativa de cada encontro.
Como novidade, este ano xa non é necesario ser persoa abonada para poder asistir aos partidos do Dépor ABANCA ou o Fabril. Cun Pase de Tempada desde 25€ poderás acceder a todos os partidos que o Fabril e o Dépor ABANCA xoguen en ABANCA-RIAZOR e Dépor Training Center (ata completar aforo). Será necesaria a retirada da entrada sen custo. Ao non tratarse dun abono, este pase non manterá antigüidade algunha de persoa abonada.
Tamén se incorpora o extra Liceo, que permite acceder a partidos amigables e de competición oficial do HC Liceo no Palacio dos Deportes de Riazor, agás aqueles declarados como Días do Club, sen reserva de asento e ata completar aforo.
Cada asento conta: liberación de asento e moeDÉiro
A tempada 2026/2027 reforza o sistema de liberación de asento, unha ferramenta pensada para que ABANCA-RIAZOR estea o máis cheo posible e para que máis deportivistas poidan acceder a unha entrada cando unha persoa abonada non poida asistir.
Se unha persoa abonada non pode acudir a un partido, poderá liberar a súa localidade. Se o Club vende esa entrada, xerarase un saldo equivalente ao 50% do prezo neto da localidade vendida, que se incorporará ao seu moeDÉiro e poderá aplicarse como desconto na renovación da tempada seguinte, cos límites establecidos. Se a localidade liberada non se vende, poderá recuperarse ata 12 horas antes do partido.
A liberación de asento permite que o abono siga sumando mesmo cando a súa persoa titular non pode estar na bancada: axuda ao equipo, mellora o ambiente, facilita que outra ou outro deportivista poida entrar en Riazor e recoñece o uso responsable de cada localidade.
Compromiso de asistencia: un ABANCA-RIAZOR máis cheo, un Dépor máis forte
O RC Deportivo implementa esta tempada o Compromiso de Asistencia e Utilización do Abono, un sistema pensado para fomentar a asistencia, facilitar a cesión e promover a liberación de localidades cando unha persoa abonada non poida acudir.
Para os 19 partidos de LaLiga EA SPORTS na casa, establécense 15 usos válidos como referencia para acceder a condicións preferentes de renovación. Contarán como uso válido tres accións: asistir ao partido, ceder o abono ou liberar o asento a través das canles oficiais do Club.
O obxectivo é recoñecer e fomentar un uso responsable do abono, ademais de permitir que outros deportivistas teñan máis opcións de conseguir unha entrada cando haxa dispoñibilidade. Cada localidade ocupada axuda ao equipo e mellora o ambiente de ABANCA-RIAZOR.
Unha estrutura de prezos responsable no regreso a Primeira
A tempada 2026/2027 supón un novo contexto deportivo e competitivo. O regreso a LaLiga EA SPORTS implica unha maior esixencia para o Club, pero tamén unha tempada de maior valor para as persoas abonadas: partidos do máximo nivel, máis servizos, máis vantaxes e unha experiencia acorde con este regreso á Primeira.
Na estrutura de prezos, o Club buscou equilibrar o novo escenario competitivo cunha política responsable para o deportivismo. O prezo medio por partido en ABANCA-RIAZOR (sen ter en conta bonificacións) situarase arredor de 26 euros, tomando como referencia o prezo medio do abono e 20 partidos de tempada. En termos mensuais, a referencia media sitúase arredor de 52 euros ao mes durante 10 meses.
Ademais, o Dépor mantense por debaixo da media dos clubs comparados en todas as franxas de localidade: premium, estándar e popular. Segundo a comparativa interna realizada con clubs do contorno competitivo, o prezo medio do Dépor está por debaixo da media do grupo analizado e sitúase por debaixo de clubs como Valencia, Sevilla e Betis, e en liña con clubs de contorno semellante como Celta e Alavés.
Calendario e procedemento
A renovación realizarase principalmente de forma online a través da web oficial do Club e o prazo abrirase ao longo da tarde do 8 de xullo de 2026. A atención presencial quedará reservada para incidencias, situacións especiais, validacións documentais ou modalidades que requiran tramitación específica.
As persoas abonadas da tempada anterior manterán reservada a súa localidade ata o domingo 26 de xullo. A renovación online estará dispoñible ata o domingo 26 de xullo ás 23:59 horas, mentres que a renovación por transferencia rematará o xoves 23 de xullo ás 13:00 horas.
A partir do luns 27 de xullo, as localidades non renovadas quedarán liberadas para cambios de asento, cambios de modalidade, novas altas ou reasignacións internas. Os cambios de localidade e modalidade realizaranse do 29 de xullo ao 12 de agosto ás 18:00 horas, exclusivamente para persoas abonadas da tempada pasada e mediante cita previa.
Unha afección de Primeira
Os abonos 2026/2027 son unha invitación a vivir xuntos unha tempada especial. O Dépor volve a Primeira, pero faino acompañado por aquilo que nunca perdeu: unha afección fiel, esixente, orgullosa e decisiva. Porque cada asento suma. Porque cada voz empurra. Porque ABANCA-RIAZOR volve ao máis alto. E porque esta tempada, máis ca nunca, o teu lugar está en Primeira.
——————–
Comunicado conxunto da Federación de Peñas do RC Deportivo, Riazor Blues e Old Faces :
-RESPECTO PARA OS AFECCIONADOS-
Estimado/a deportivista:
Así comeza o correo que acabas de recibir se a túa bancada é Maratón Inferior. Mais nós poñemos en dúbida esa suposta estima que teñen cara nós. Será de verdade un saúdo sincero cara ás persoas que integramos toda esa bancada de Maratón Inferior?
Despois de ler con detalle este correo, temos claro que esa mensaxe comeza mal desde a primeira palabra, porque a partir da seguinte liña serán evidentes as faltas de afecto cara nós.
Como socios e socias de Maratón Inferior, deberemos cumprir unha serie de esixencias que non existen para o resto do deportivismo. No inicio, sabemos que a nosa renovación terá que ser presencial, para acompañar ese trámite coa nosa identificación persoal e a sinatura dunhas condicións particulares.
Como resumo do documento achegado, podemos dicir que plasma por escrito esa persecución arbitraria que vivimos como afección na temporada pasada, especialmente nas últimas xornadas. Confirma que esa será a nosa nova normalidade e pretende que firmemos a nosa falta de liberdade.
Esta redacción pinta unha realidade imaxinaria, para solucionar problemas que non existen. Mostra unha enorme preocupación pola convivencia e a orde, cando a nosa bancada representa todo un exemplo de espazo seguro e sen incidentes.
Podemos salientar algunhas ideas como o recoñecemento de controis específicos, as identificacións arbitrarias, a posibilidade de pechar parcial ou totalmente a nosa bancada, a prohibición de determinadas mensaxes segundo o seu criterio ou a retirada de elementos de animación.
Isto debuxa un panorama de cláusulas abusivas e disparatadas. Desde este momento, estamos a estudar as accións pertinentes a nivel legal e administrativo, para dar unha resposta desde o ámbito da avogacía.
Nós, desde xa, temos que erguer a nosa voz contra esta discriminación e mobilizarnos polo noso futuro como deportivistas. Solicitamos a vosa colaboración para reivindicar os nosos dereitos como afeccionados e afeccionadas. Como primeiro paso, pregamos que sigades esta premisa: NON RENOVAREMOS o noso abono de Maratón Inferior até que o club retire as normas que perseguen a nosa liberdade individual e colectiva.
Esperamos a vosa colaboración na procura do ben común e agradecemos o voso apoio para lograr o que nos pertence, o noso lugar no estadio. Ao mesmo tempo, esiximos unha resposta inmediata por parte do club e unha rectificación.
PODERÁN CONTROLAR O DÉPOR, MAIS NUNCA PODERÁN CONTROLAR O DEPORTIVISMO.
–
-Foto : RC Deportivo
-Comunicado : Federación de Peñas, Old Faces e Riazor Blues
-Texto : Xosé Búa “Pirata”
