O soño copeiro dos nosos : “O Xuvenil “A” deportivista busca a final ante o Barcelona no Ánxo Carro nunha semifinal que será televisada”.

A canteira branquiazul vive unha das citas máis especiais da tempada. O Xuvenil A deportivista afronta este xoves 12 de marzo ás 18:30 horas unha semifinal histórica da Copa del Rey xuvenil fronte ao FC Barcelona, un duelo de máximo nivel que converterá o Estadio Ánxo Carro de Lugo no epicentro do fútbol base estatal.

Os nosos chegan a esta eliminatoria co cartel de equipo revelación e coa ilusión intacta nun torneo que xa deixou noites inesquecibles para o deportivismo. En xogo non só está o pase á final, senón tamén a oportunidade de seguir facendo historia cun grupo de futbolistas que leva meses espertando orgullo entre a afección herculina. O crecemento da canteira deportivista é visible cada vez máis sendo un habital das derradeiras fases finais.

En direto por varias canles

O encontro poderá seguirse en directo a través das canles oficiais da RFEF e tamén pola TVG, permitindo que toda Galicia acompañe aos branquiazuis nunha cita marcada en vermello no calendario da canteira.

Lugo, territorio deportivista

O escenario non é descoñecido para o equipo. O técnico Miguel Figueira destacou na previa que o Ánxo Carro é “un campo que pode favorecer” aos seus xogadores, ademais de confiar nun importante desprazamento de seguidores. E todo apunta a iso: afeccionados chegados desde Lugo, desde distintos puntos de Galicia e tamén desde A Coruña acompañarán aos rapaces nun ambiente que promete ser moi deportivista.

A Federación de Peñas incluso organizou unha viaxe en autobús para arroupar ao equipo, demostrando unha vez máis a conexión especial entre o club e a súa base. Non é casualidade: o Xuvenil A converteuse nun dos grandes focos de atención para a parroquia branquiazul, algo que o propio Figueira recoñece como un impulso emocional para o vestiario cada vez que pisan o Arsenior Iglesias ou Riazor.

O obxectivo é claro: “que a afección se sinta orgullosa dun grupo que representa o futuro do club e que está competindo sen complexos ante as mellores canteiras do país”, decía o técnico mazariquense.

Un premio maior en xogo

O vencedor desta semifinal disputará a gran final o domingo 15 ás 11:45, tamén no Ánxo Carro, ante o Real Betis, que eliminou ao RC Celta nunha vibrante semifinal (2-3), un Betis que foi verdugo o ano pasado dos nosos na Final-Four de campións.

No caso de que os deportivistas consigan o pase, o encontro ligueiro previsto ese mesmo domingo en Pontevedra quedaría aprazado, permitindo aos nosos centrarse plenamente na loita polo título copeiro.

Para este compromiso, o corpo técnico non poderá contar con Mauro Valeiro, concentrado coa Selección Española sub-17 para disputar a segunda rolda de clasificación cara ao Campionato de Europa, unha ausencia notable pero tamén mostra do talento que atesoura este equipo.

Entradas e ambiente de gran cita

As localidades están dispoñibles exclusivamente de maneira online a través da plataforma tickets.rfef.es, cun prezo popular de 5 euros e un máximo de seis entradas por compra, facilitando así unha boa presenza nas bancadas.

Todo está preparado, pois, para unha tarde grande de fútbol base. Un escenario profesional, un rival de máximo prestixio e un grupo de rapaces que xa conseguiu enganchar ao deportivismo.

Agora toca dar o seguinte paso. Lugo agarda. E os nosos soñan en grande.

.

-Foto : RC Deportivo

-Texto : Xosé Búa “Pirata”