Chéganos por parte dun afeccionado unha nota de prensa na que o SD San Lorenzo de Verdillo comunica que inicia unha nova etapa institucional tras a renovación da súa xunta directiva, un cambio que chega nun dos momentos máis destacados da historia recente da entidade, logo de proclamarse campioa da Liga da Costa e lograr o ascenso a Primeira Futgal baixo a dirección deportiva de Iván Rojo.
A nova directiva estará encabezada por Daniel Padín como presidente, á fronte dun equipo formado maioritariamente por xente nova que afronta este reto con ilusión, compromiso e vontade de seguir impulsando o crecemento do club costeiro.
Desde a entidade destacan que esta renovación “supón unha oportunidade para fortalecer os valores que sempre identificaron ao San Lorenzo de Verdillo e afrontar novos desafíos con enerxías renovadas”. O novo equipo directivo aposta por un proxecto “sólido, participativo e ambicioso, aberto á implicación de toda a familia do club”.
Ao mesmo tempo, o San Lorenzo quixo agradecer publicamente “o labor desenvolvido pola anterior directiva”, recoñecendo o seu esforzo e dedicación para contribuír ao desenvolvemento da entidade ata convertela no referente deportivo que é na actualidade.
A nova xunta directiva queda composta por Daniel Padín como presidente; Joaquín Moya, vicepresidente; Rodrigo Taibo, tesoureiro; Sergio Gómez, secretario; Rubén Fuentes, responsable de Comunicación e Redes Sociais; e Alejandro Rodríguez “Canteiro” e Alex Puñal como vogais.
Tras unha gran tempada do equipo senior adestrado por Iván Rojo, culminada co título ligueiro e o ascenso de categoría, o San Lorenzo de Verdillo abre agora un novo capítulo coa mirada posta en consolidar o proxecto deportivo e social do club nos vindeiros anos.
.
AVISO IMPORTANTE
“Nesta época estival tan só iremos poñendo os torneos, renovacións, fichaxes, amistosos, etc, que os clubes, afeccionados, socios, etc nos envíen, tal e como xa vimos facendo nos derradeiros anos. Poden mandarnos a información, fotos, vídeos, etc, o noso Whatsapp : 626 72 00 47 ou polas canles que temos na parte de abaxio da web en calquer noticia ou na portada”.
–
-Foto : SD San Lorenzo
-Texto : Xosé Búa “Pirata”