Tal e como xa vos temos informado os días 11 e 12 de xullo celebrábase unha nova edición do Torneo Santa Sabiña, na modalidade de Fútbol 7, unha das citas máis veteranas e recoñecidas do fútbol afeccionado na Terra do Xallas e aledaños. O campionato alcanzou este ano a súa vixésimo oitava edición, demostrando unha vez máis que a súa historia, organización e capacidade de convocatoria continúan sendo os seus principais sinais de identidade.
A fin de semana estivo marcada pola alerta de tormentas anunciada para o sábado. Por sorte, as previsións máis pesimistas non se cumpriron e a chuvia respectou o desenvolvemento da competición, permitindo que os encontros se disputasen con total normalidade ata a súa conclusión.
Nesta ocasión participaron 18 equipos, unha cifra lixeiramente inferior á doutras edicións. A coincidencia con outros eventos deportivos da contorna, como un torneo en Buño e unha competición de fútbol praia en Muxía, influíu na participación. Ademais, moitos xogadores chegaban tras unha semana de temperaturas especialmente elevadas e co precedente do torneo de Castriz, onde o calor fixera mella nos participantes, motivo polo que algúns optaron por aproveitar a fin de semana para descansar, tal e como nos comentan desde a orgañización.
Lonxe de afectar ao nivel da competición, o torneo volveu ofrecer un espectáculo deportivo de gran calidade. A organización decidiu manter intacta a contía dos premios, apostando por seguir reforzando o prestixio dun evento que, ano tras ano, continúa consolidándose como un dos máis importantes e lonxevos do fútbol afeccionado xalleiro e da volta.
A diversidade de procedencias dos equipos e xogadores foi unha das notas destacadas da edición. Houbo representación de localidades como Santa Comba, Negreira, A Baña, Cabana, Carballo, Bastavales ou Betanzos, ademais de futbolistas chegados desde Santiago, Bertamiráns, Bembibre, Dumbría, Zas e outros concellos galegos.
Un dos aspectos que máis chama a atención é a evolución competitiva do torneo. Se hai anos predominaban os equipos formados por grupos de amigos que se reunían para gozar dunha fin de semana de fútbol, na actualidade os conxuntos preséntanse como auténticas seleccións de xogadores. O nivel técnico é cada vez máis elevado e a preparación física dos participantes converte cada partido nunha esixente batalla deportiva.
Cadro de honra
O Rosfavi sacouse a espiña do ano pasado, no que se quedaba as portas da final para rematar quedando cuarto tras caer na tanda de penaltis ante o Santa Sabiña.
Campión: Rosfavi (trofeo doado por Motos López)
Subcampión: Gesto y García (trofeo doado por Comercial Espaher)
Terceiro clasificado: Santa Sabiña (trofeo doado por Cristalería Vilas)
Cuarto clasificado: Facal Construvi (trofeo doado por Excavaciones Souto)
Desde a organización quixeron agradecer “o apoio recibido por parte do Concello de Santa Comba, a Deputación da Coruña, as distintas casas comerciais colaboradoras e, de maneira moi especial, a todos os veciños, amigos e voluntarios que fan posible que o torneo continúe medrando ano tras ano”.
“Porque o Torneo Santa Sabiña non é o traballo de tres ou catro persoas, senón o resultado do esforzo colectivo dunha comunidade que leva case tres décadas mantendo viva unha cita imprescindible do verán futbolístico galego. Moitas grazas a todos e vémonos na XXIX edición”.
–
-Fotos e información : A orgañización
-Texto : Xosé Búa “Pirata”


