O RC Deportivo presenta a súa segunda equipación máis innovadora cun escudo Glossy 3D inédito.

O RC Deportivo presentou ÁS 12:00 horas cun guiño ao 120 aniversario do clube a súa nova segunda equipación para a tempada, que segundo nos comentan, “é unha proposta de estética contemporánea que combina innovación, personalidade e respecto pola identidade histórica do Club”. A nova camiseta estará destinada tanto ao primeiro equipo como ás diferentes categorías deportivistas, converténdose nun dos símbolos visuais dunha campaña especialmente relevante para a entidade.

O deseño aposta por unha elegante base negra que transmite ambición, modernidade e carácter. Lonxe de afastarse das súas raíces, a peza mantén unha conexión directa coa esencia branquiazul grazas aos detalles presentes nas mangas e nos laterais, elementos que reinterpretan as cores que definiron ao Deportivo ao longo da súa historia e que crean unha ligazón visual coa primeira equipación.

Os acentos en azul presentes no escudo, no colo e no logotipo de Nike achegan luminosidade e dinamismo ao conxunto. Estes detalles non son só unha cuestión estética, senón que representan a enerxía, a innovación e a visión de futuro que acompañan esta nova etapa do Club, tal e como apuntan desde o mesmo, marcada polo inicio da alianza coa multinacional deportiva e pola consolidación da actualización da marca corporativa, xa plenamente aliñada co topónimo oficial da cidade.

Un escudo innovador

O elemento máis destacado da nova segunda equipación é, sen dúbida, o escudo. O Deportivo introduce por primeira vez un exclusivo acabado Glossy 3D transparente, unha innovación que converte o emblema deportivista no gran protagonista da camiseta. Este tratamento especial proporciona un efecto de brillo e profundidade nunca visto ata agora nunha equipación do Club.

A tecnoloxía Glossy 3D permite que o escudo adquira relevo visual e unha aparencia máis moderna, xerando reflexos e matices diferentes segundo a incidencia da luz. O resultado é unha imaxe máis sofisticada e vangardista que reforza a presenza do símbolo máis representativo. Ademais do seu valor estético, esta innovación representa a vontade do Deportivo de evolucionar e incorporar novas tendencias sen renunciar á súa identidade histórica.

A nova segunda equipación convértese así nunha declaración de intencións: un equilibrio entre tradición e modernidade, entre a herdanza branquiazul e unha visión de futuro que busca seguir impulsando o crecemento do Club en todas as súas categorías.

A camiseta xa está dispoñible tanto na tenda en liña como nos puntos de venda oficiais do RC Deportivo, preparada para acompañar aos equipos deportivistas nunha tempada que promete marcar un novo capítulo na historia da entidade coruñesa.

-Foto e infomación : RC Deportivo
-Texto : Xosé Búa “Pirata”