O RC DEPORTIVO AMPLÍALLE A RUBEN LÓPEZ O CONTRATO ATA 2028.

 

Rubén López Durán (Silleda, Pontevedra, 26 de agosto de 2004) renovou esta tarde o seu contrato co Dépor até xuño de 2028.

O centrocampista galego, titular co Fabril en Segunda Federación aínda que se adestra habitualmente co primeiro equipo, chegou ao Cadete A do Dépor na temporada 2019-20.

Formou parte daquel Xuvenil A histórico representante español na UEFA Youth League, competición na que o Club asombrou a toda Europa nos seus partidos en ABANCA-RIAZOR.

Rubén debutou co Dépor en partido oficial o pasado 5 de novembro en Irún, e tamén participou unha semana despois no choque ante a SD Logroñés en ABANCA-RIAZOR.

En Copa del Rey foi titular no encontro de segunda rolda disputado o pasado mércores 6 de decembro ante o CD Tenerife de Segunda División. Na sala de prensa despois desa cita copeira, Imanol Idiakez subliñou de Rubén que “a primeira vez que o vin pensei que aí había un futuro futbolista e confirmouno. Fixo un traballo espectacular”.

Rubén López únese á lista de canteiráns que ampliaron nestes meses a súa vinculación co Dépor como Brais Suárez, Dani Barcia, Kevin Sánchez, David Mella, Elena Vázquez ou Lucía Rivas. 

-Foto, Texto e Vídeo : RC Deportivo