O preparador muxián Adrián Negro Alvite da o salto ao Bayern de Múnich feminino.

O fútbol muxián estará representado a partir desta tempada nun dos clubs máis importantes do mundo. O técnico Adrián Negro Alvite, natural de Os Muños, (Muxía), converterase no novo adestrador asistente do primeiro equipo feminino do Bayern de Múnic, iniciando así unha nova etapa profesional na elite do fútbol europeo.

Xogador moitos anos do fútbol da costa, formado nas categorías de base e senior do CF Muxía, Adrián Negro deu os seus primeiros pasos sobre o terreo de xogo na súa vila natal antes de orientar a súa carreira cara aos bancos e á preparación física. Dende entón, foi construíndo unha traxectoria internacional que agora o leva ata o club máis laureado de Alemaña.

Ao longo da súa carreira desempeñou diferentes funcións en entidades de prestixio, formando parte do corpo técnico do Arsenal como preparador físico, traballando na escola de fútbol do FC Barcelona en Melbourne, (Australia), e tamén no CD Lugo, experiencias que lle permitiron consolidarse como un profesional recoñecido no ámbito da metodoloxía e do rendemento deportivo.

Nos últimos anos desenvolveu o seu labor en The Field, un proxecto de formación e adestramento en Oleiros, (A Coruña), do que formaba parte e que anunciou a súa marcha cunha emotiva mensaxe nas redes sociais. Desde a o centro de deporte de alto rendemento destacaron que Adrián Negro foi “un dos piares fundamentais da casa” e expresaron sentimentos encontrados pola súa despedida.

“Anunciamos isto cunha bágoa nos ollos e un sorriso na cara. Por unha banda, deixamos de ter no día a día ao motor desta casa. Pola outra, énchenos de orgullo ver como parte da nosa forma de entender o adestramento e, sobre todo, o fútbol, estarán representados no club máis grande de Alemaña”, sinalaron desde The Field.

A entidade tamén destacou que esta nova aventura permitirá seguir aprendendo de primeira man do máximo nivel competitivo, reforzando a súa propia filosofía de traballo.

Para Adrián Negro, esta oportunidade supón un novo fito nunha carreira marcada pola formación continua e pola experiencia internacional. O técnico muxián integrará o corpo técnico do primeiro equipo feminino do Bayern de Múnic a partir deste verán, asumindo un reto de enorme esixencia nun dos referentes do fútbol europeo.

Con este paso, Muxía suma un novo representante na elite do deporte mundial, demostrando que o talento e o traballo poden levar a un rapaz formado no CF Muxía ata un dos bancos máis prestixiosos do fútbol feminino internacional.

“O noso maior desexo de sorte para Adrián neste novo proxecto, un máis que o engrandece no ramo que practica e que xa amosou con creces que é todo un crack”.

-Foto : The Field

-Texto : Xosé Búa “Pirata”