O Piragüismo Dumbría sorprende e proclámase campión galego de promoción en slalom

O Club Deportivo Municipal de Piragüismo Dumbría asinou unha auténtica fazaña en Mondariz, onde se celebrou o Campionato de Galicia de Promoción de Slalom nas augas do río Tea, reservado ás categorías infantil, alevín, benxamín e prebenxamín.

O equipo costeiro proclamouse campión por clubs, superando en 15 puntos ao gran favorito, o CDM Teixugos de Goián, que rematou segundo, e ao anfitrión, o Clube Tea de Mondariz Balneario, terceiro clasificado. Trátase do primeiro podio colectivo da tempada para os dumbrieses, que lograron no momento decisivo a súa mellor actuación. “Contabamos con estar no podio polo traballo feito durante o verán, pero non con gañar. As rapazas e os rapaces estiveron espectaculares, sen excepción, facendo a súa mellor competición do ano”, recoñeceu emocionado o adestrador Quique Portela.

Carmen Llaría no máis alto do podio.

O éxito sustentouse no gran papel das categorías femininas, con dous títulos galegos: o de Carmen Llaría, de Dumbría, campioa en K1 alevín e ademais subcampioa en C1 feminino; e o de Yara Lado, de Mazaricos, campioa galega en K1 benxamín.

Yara no primeiro chanzo do podio.

O medalleiro completouse con ata cinco bronces: Vega Cives (K1 alevín), Elena Ínsua (C1 alevín), Clara Mancebo (K1 infantil), Juan Manuel Ferrer (K1 benxamín) e Mateo Lado (K1 prebenxamín).

Con esta cita péchase a tempada das categorías de promoción no piragüismo galego. Queda aínda por disputarse o Campionato Xunta de Galicia de Slalom Absoluto, que terá lugar en Dumbría en data aínda por confirmar.

-Fotos e información : CDM Piragüismo Dumbría

-texto : Xosé Búa “Pirata”

Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso. Pode obter máis información AQUI

ACEPTAR
Aviso de cookies