O PAVILLÓN POLIDEPORTIVO DE CAMARIÑAS PASARÁ A CHAMARSE “PAVILLÓN POLIDEPORTIVO VÍCTOR VIGO”

 

O Pavillón Polideportivo de Camariñas será bautizado como “Víctor Vigo” en recoñecemento da súa traxectoria

O acordo será sometido á votación da corporación no pleno deste venres, 29 de novembro.

O pleno do Concello de Camariñas que se levará a cabo este venres, 29 de novembro, ás 20:00 horas servirá para recoñecer a traxectoria do deportista camariñán Víctor Vigo bautizando co seu nome o pavillón polideportivo que pasará a chamarse ‘Pavillón Polideportivo de Camariñas Víctor Vigo’.

Con esta iniciativa o goberno local pretende recoñecer a traxectoria deportiva de Víctor Vigo ao que califica como “o deportista máis importante nado no Concello de Camariñas na súa historia. Levou por case toda Europa o nome do Concello que o viu nacer hai trinta e cinco anos, facendo de embaixador do mesmo, alá por onde xogou e residiu. Non só é unha referencia para o Concello de Camariñas, quizais tamén sexa uns dos deportistas máis destacados de toda a Costa da Morte, e se valorásemos a súa especialidade deportiva, o balonmán, sería o xogador masculino máis destacado da provincia e un dos xogadores galegos máis significativo de todos os tempos”.

Víctor Vigo anunciou a súa retirada ao finalizar a pasada temporada cando militaba no Quabit Guadalajara da Liga ASOBAL de balonmán despois de toda unha carreira na élite deste deporte na que acadou máis dun milleiro de goles nos máis de trescentos encontros que disputou na Liga ASOBAL, nas quince tempadas que nela participou, así como as súas internacionalidades en categoría xuvenil e sub22.

Por todo isto, e polos valores de humildade, sacrificio e educación que representa, a alcaldesa Sandra Insua explica que o goberno local está na “obriga de recoñecer a súa traxectoria deportiva dándolle o seu nome ao Pavillón Polideportivo Municipal de Camariñas, que o veu nacer no deporte regulado no ano 1995 formando parte das actividades municipais de balonmán e judo”.

-Texto : Gabinete de prensa Concello de Camariñas
-Foto : Marca.es

++++

Informarche de que se nos estás seguindo polo móbil, que para ordenadores temos outro formato moito completo ca o que che pode ofrecer un móbil polas súas dimensións de pantalla.

Tamén informar que trocamos de email: admin@piratasdemuxia.es

Contrata a tua publicidade connosco e chegarás cada día a milleiros de persoas.