O muxián Raúl Lema, (03/12/2010), volve dar un paso máis nunha traxectoria que apunta alto. O talentoso futbolista do RC Deportivo foi incluído por Miguel Figueira na convocatoria para disputar os dazaseisavos de final da Copa do Rei Xuvenil, unha competición de enorme prestixio no fútbol base estatal que arranca hoxe coa súa 74ª edición.
O encontro medirá ao Xuvenil “A” deportivista co AD Sporting Hortaleza, nun duelo a partido único que se xogará a partir das 16:30 horas no “Arsenio Iglesias” do Dépor Training Center. Un escenario perfecto para que Raúl poida vivir o seu debut nesta competición, chamado a ser un dos grandes escaparates do talento emerxente do fútbol español.
Un debut que confirma unha progresión meteórica
Raúl Lema xa fixo historia coas suas participacións nas seleccións galega e española, así como na base deportivista e recentemente tamén na nosa canteira ao debutar con só 15 e 32 anos días no Xuvenil “A” o pasado 4 de xaneiro, (tal como vos informamos aquel mesmo día), converténdose no xogador máis novo en estrearse no primeiro equipo xuvenil do Deportivo. Un fito que non colle por sorpresa a quen segue de preto a súa evolución, xa que desde ben novo vén competindo con futbolistas de maior idade, destacando sempre pola súa calidade técnica, madurez no xogo e personalidade sobre o terreo de xogo.
A súa convocatoria para esta Copa do Rei Xuvenil é un novo recoñecemento ao seu traballo e ao seu talento, e todo apunta a que disporá de minutos nun partido de máxima esixencia, nun torneo que non entende de idades, senón de rendemento.
A Copa do Rei Xuvenil, un escaparate de elite
Os dazaseisavos de final supoñen o pistoletazo de saída ao torneo máis prestixioso do fútbol base nacional. Un total de 32 equipos da División de Honra Xuvenil danse cita nunha eliminatoria directa que se disputa entre hoxe e mañán Domingo, combinando canteiras históricas, emoción, sorpresas e moito talento por descubrir.
Os equipos que superen esta rolda accederán aos oitavos de final, previstos para o 28 de xaneiro, e no caso de que o Deportivo avance, o seu rival sairá do choque entre o Rayo Vallecano e o Arucas CF 98.
Muxía presente no fútbol de elite
Para Muxía, a Costa da Morte e para a canteira deportivista, a presenza de Raúl Lema nesta Copa do Rei Xuvenil é motivo de orgullo. O seu debut na competición simboliza o premio á constancia dun xogador que, paso a paso, continúa queimando etapas con naturalidade, demostrando que a idade é só un número cando a calidade e o talento marcan a diferenza.
Esta tarde, no “Arsenio Iglesias”, Raúl terá unha nova oportunidade para seguir escribindo a súa historia nun escenario reservado aos que están chamados a marcar o futuro do fútbol, xa que en poucos anos a moitos destes rapaces dos diferentes equipos, verémolos xogando na élite.
.
-Foto : Javier Lema
Texto : Xosé Búa “Pirata”