O muxián Raúl Lema convocado coa Selección Española Sub-16 nunha lista con mínima presenza galega.

O fútbol base da Costa volve estar de parabéns. O muxián Raúl Lema foi incluído na convocatoria da selección española sub-16, que se concentrará do 4 ao 7 de maio en Los Ángeles de San Rafael para levar a cabo unhas xornadas de adestramento.

O combinado estatal, dirixido por Hernán Pérez, reunirá a 28 xogadores nunha etapa clave do fútbol formativo, cun programa enfocado a seguir perfeccionando conceptos e fortalecer o crecemento dos mozos talentos.

A concentración que terá lugar na localidade segoviana de Los Ángeles de San Rafael, arrincará o luns 4 coa primeira sesión de traballo e prolongarase ata o xoves 7.

Dentro desa lista destaca con forza o nome de Raúl Lema, unha das promesas máis firmes do RC Deportivo. O atacante muxián continúa dando pasos adiante nunha traxectoria ascendente, xa que, malia a súa curta idade, xa sabe o que é competir co primeiro equipo xuvenil do conxunto herculino, demostrando personalidade e calidade sobre o terreo de xogo.

A súa presenza nesta convocatoria non é unha sorpresa, xa que Raúl vén sendo un habitual tanto nas categorías inferiores da selección española como da galega, consolidándose como un dos nomes propios do fútbol base galego.

Outro dos aspectos salientables da lista é a escasa representación galega. Dos 28 futbolistas citados, só dous pertencen a clubs de Galicia, ambos do Deportivo: o propio Raúl Lema e o defensa Iago Varela, o que pon aínda máis en valor o mérito do xogador da Costa da Morte.

Así, Raúl Lema continúa sumando experiencias de alto nivel nun momento clave da súa formación, confirmando que o seu nome está chamado a seguir soando con forza no panorama do fútbol base estatal.

.

-Foto : Javier Lema

-Texto e montaxe : Xosé Búa “Pirata”