O MUSEO DO RC DEPORTIVO XA É UNHA REALIDADE.

O museo do Deportivo xa é unha realidade e abrirá as súas portas o vindeiro 24 de febreiro nos baixos do estadio de Abanca Riazor, nun acto institucional coa presenza do presidente do club, membros do consello e representantes sociais e institucionais. Este novo espazo nace como unha vella aspiración do deportivismo e pretende converterse nun novo atractivo cultural e turístico da cidade.

O museo contará con 1.445 metros cadrados, situados baixo a grada de Tribuna Inferior, e permitirá facer un percorrido pola historia do club a través de tres espazos diferenciados: Zona Branca, Sala Dourada e Sala Azul, centrados nos momentos máis relevantes da traxectoria branquiazul. A experiencia completarase coa rehabilitación da torre de Marathón e a incorporación dun ascensor panorámico, co obxectivo de converter este conxunto nun referente deportivo, cultural e patrimonial.

Segundo o club, o museo quere ser un lugar de memoria e orgullo colectivo, pensado para transmitir os valores do Deportivo a futuras xeracións. As previsións apuntan a que máis de 40.000 persoas visiten o museo e participen no novo tour durante o primeiro ano, cun impacto económico estimado de ata 1,3 millóns de euros para A Coruña, reforzando o papel de Riazor máis alá do ámbito deportivo.

.

-Texto : Xosé Búa “Pirata”

-Foto : RC Deportivo