O MALLORCA RIVAL DO DEPOR NOS DAZASEISAVOS DE FINAL DA “COPA DO REI”.

Tralo sorteo celebrado este martes 9 de decembro na sede da RFEF deixou emparellado ao Depor co RCD Mallorca nos dezaseisavos de final da Copa do Rei. A eliminatoria, novamente a partido único, disputarase en Riazor os días 16, 17 ou 18 de decembro, datas reservadas para os equipos que se enfrontan a un rival de categoría superior.

Será unha cita especial para o conxunto deportivista, que non recibía en competición oficial un equipo de Primeira División desde maio de 2017, cando a UD Las Palmas pasou polo coliseo coruñés na máxima categoría.

O camiño dos nosos na presente edición da Copa foi impecable ata o de agora. Primeiro superaron con claridade ao UD Sámano, de Segunda Federación, por 1-4; e posteriormente repetiron triunfo a domicilio ante o CE Sabadell, de Primeira Federación, por 0-2 en terras catalás. Estes duelos deixaron, ademais, unha nómina de debuts destacada: Pablo García e Fabi estreáronse en Castro Urdiales, mentres que Samu, Damián Canedo e Bil fixérono na Nova Creu Alta.

O Mallorca, pola súa banda, chega á rolda tras eliminar ao Atlétic Sant Just (0-2) e ao CD Numancia (2-3). O conxunto balear transita pola liga en posición delicada, situado na zona baixa da Primeira División con 14 puntos, pero chega á Copa cumprindo expediente.

O duelo tamén traerá lembranzas dun choque recente e especial: o 20 de xuño de 2019, cando Dépor e Mallorca disputaron en Riazor a ida do play-off de ascenso a Primeira División. Aquel encontro rematou cun 2-0 favorable aos coruñeses, na volta nun choque moi “raro” acabarían ascendendo os mallorquíns, tras impoñerse por 3-0.

Agora, seis anos despois, Riazor volverá ser escenario dun choque copero entre ambos equipos, con billete para os oitavos de final en xogo e coa ilusión renovada da parroquia branquiazul, que ten un certo tufiño a “vendetta”, ainda que agora mesmo de nada vale para remediar o que pasou daquela.

.

-Foto : RC Deportivo

Texto : Xosé Búa “Pirata”