O Gitanillos proclámase campión da primeira edición do “Torneo de Fútbol Praia do Lago”.

A Praia do Lago, en Muxía, converteuse este pasado sábado 11 de xullo no escenario da primeira edición do Torneo de Fútbol Praia do Lago, unha cita deportiva organizada polo CF Muxía coa colaboración do Concello de Muxía que reuniu cinco equipos nunha intensa xornada de competición sobre a area.

Inicialmente estaba previsto que o torneo se disputase ao longo de dúas xornadas, pero a menor participación de equipos da agardada levou á organización a concentrar todos os encontros nun único día, que desta maneira se converteu en máis completo. Lonxe de restarlle atractivo, a fórmula permitiu vivir unha intensa maratón de fútbol praia que mantivo a emoción ata o derradeiro partido.

Os equipos participantes foron Café-Bar San Isidro (Cedeira), Gitanillos (Muxía), Cachopo Beach (Vimianzo), Xuvenís Muxía e Piratas do Caribe (Muxía). Tras a fase de liga, o liderado foi para Piratas do Caribe con sete puntos, seguido por Xuvenís Muxía, Café-Bar San Isidro e Gitanillos, todos con seis, mentres que Cachopo Beach pechou a clasificación con catro.

Nas semifinais chegaron as sorpresas. O Café-Bar San Isidro impúxose por 3-1 aos Xuveniles Muxía, mentres que o Gitanillos derrotou por 2-1 ao líder da fase regular, Piratas do Caribe. Xa na gran final, o conxunto muxián mostrou a súa mellor versión para superar ao Café-Bar San Isidro por 4-2 e levantar o primeiro trofeo da historia do torneo.

 O podio desta primeira edición quedou formado polo Gitanillos como campión, Café-Bar San Isidro como subcampión e Piratas do Caribe na terceira posición.

A excelente climatoloxía e a gran afluencia de persoas que durante toda a fin de semana se achegaron a unha das praias máis concorridas do verán na Costa da Morte contribuíron a crear un gran ambiente arredor da competición. Ao remate dos encontros, todos os participantes compartiron uns pinchos nas instalacións do Camping Lago-Mar, poñendo o broche final a unha xornada de convivencia deportiva.

Un dos responsables da organización, Julián, mostrou a súa satisfacción polo desenvolvemento da cita. “Os rapaces pasárono moi ben e quedaron moi contentos desta nova experiencia. Ao ser a primeira edición temos cousas que mellorar, pero xa recollemos boas ideas dos participantes e para o ano será mellor”, sinalou.

Juan José na entrega de trofeos.

Pola súa banda, o presidente do CF Muxía, Juan José Busto, encargado da entrega de trofeos, destacou o éxito da iniciativa. “Foi unha primeira pedra de toque e todo saeu moi ben. Queremos agradecerlle ao Concello de Muxía e á responsable de Deportes, Sandra Vilela, a súa axuda para que este primeiro torneo fose unha realidade”, afirmou.

A boa resposta dos participantes e do público deixa aberta a porta a que esta nova cita deportiva teña continuidade nos próximos anos e se consolide como unha das actividades estivais da Praia do Lago e do verán de Muxía e a Costa da Morte.

-TÓDOLOS RESULTADOS-

-Fotos : Prensa CF Muxía/Fran “Pioto”

-Texto : Xosé Búa “Pirata”