Preferente FUTGAL Feminina
15ª Xornada
Fisober FSF 5-2 Ribeiro do Avia FC
O Fisober FSF, pechou a primeira volta da competición cun gran triunfo na tarde do sábado nas IDM O Conco, superando por 5-2 ao Ribeiro do Avia FC, últimas clasificadas, nun encontro que confirmou a clara mellora competitiva das costeiras nas últimas xornadas.
As nosas saíron moi enchufadas, sabedoras da importancia do choque, e axiña puxeron terra de por medio no marcador. 1-0 aos dous minutos, obra de Paula, e apenas catro máis tarde chegaba o 2-0, novamente da mesma protagonista. O Ribeiro respondeu de inmediato recurtando distancias co 2-1, pero o Fisober mantivo o control do xogo, xerando ocasións para ampliar a renda que non chegaron a materializarse antes do descanso.
Tras o paso polos vestiarios, o partido entrou nunha fase máis igualada, con alternativas, ata que nos últimos dez minutos o Fisober deu un paso adiante definitivo. Paula asinou o seu terceiro tanto da tarde co 3-1, e pouco despois Ana facía o 4-1, premiando o bo traballo colectivo.
Co marcador en contra, o Ribeiro do Avia apostou polo xogo de cinco, pero a boa defensa das costeiras e a súa eficacia propiciaron dous goles case consecutivos a porta baleira: primeiro Saray Duarte co 5-1, e xa no minuto seguinte o definitivo 5-2, pechando un encontro moi completo das locais.
Un triunfo que deixa moi boas sensacións e confirma que o Fisober compite mellor e medra xornada a xornada, rematando a primeira volta cunha vitoria que reforza a confianza do grupo.
Paula Fandiño fixo 3 dos goles.
Goles
1-0, Paula, (2’);
2-0, Paula, (6’);
2-1, Jaira, (7’);
3-1, Paula, (33’);
4-1, Ana, (35’);
5-1, Saray Duarte, (38’);
5-2, Moraima, (39’).
Fisober FSF
Sharay, Paula, Ana, Carla Lago, Saray Duarte; tamén xogaron: Sabela, Kenny, Carla Beiro, Lara.
Ribeiro do Avia FC
Paula, Moraima, Alba, Lucía, Jaira; tamén xogaron: Xiana, Victoria.
Árbitros
Aya Fathallah Arssalane e Carlos Macho Rozas.
Clasificación
O equipo fisoberista remata a primeira volta na 13ª posición con 15 puntos os mesmos co Gaiola que as precede na clasificación a 1 do Bulebule, (11º) a 3 do San Roquiño, (10º) e a 4 do Cidade das Burgas, (9º). Por debaixo ten ao Gri Carballiño a 7 puntos.
Clasificación completa : PREME AQUÍ
Próxima xornada
O Fisober iniciará a segunda volta visitando ao líder da categoría, o Atlético Arnoia, nun dos desprazamentos máis esixentes da tempada.
.
-Fotos e información : Prensa Fisober FSF
-Texto : Xosé Búa “Pirata”

