O Fisober FSF anunciou oficialmente mediante un comunicado que o vindeiro desde hoxe 30 de xuño de 2026 finalizará a súa vinculación co Concello de Dumbría, deixando de utilizar as instalacións do Polideportivo do Conco para os seus adestramentos e partidos oficiais.
A entidade explicou que a decisión responde a cuestións relacionadas coas condicións organizativas e de dispoñibilidade das instalacións necesarias para garantir o desenvolvemento da súa actividade deportiva e social, abrindo agora unha nova etapa que será dada a coñecer nas próximas datas.
Máis alá do anuncio, o comunicado supón o peche dun capítulo fundamental na historia recente do deporte da Costa da Morte. Porque falar do Fisober é falar dun dos proxectos deportivos máis importantes, exitosos e representativos que deu a comarca durante as últimas dúas décadas.
Un referente do fútbol sala galego
O club naceu da man dun grupo de amigos/as un outubro do 2004 coa vocación de potenciar o fútbol sala feminino nunha comarca onde poucos podían imaxinar o impacto que acabaría tendo. Primeiro en Vimianzo e posteriormente en Dumbría, o Fisober converteuse nunha referencia dentro e fóra de Galicia, sendo un dos grandes embaixadores deportivos da Costa da Morte.
A entidade foi medrando de maneira constante, construíndo unha estrutura sólida tanto a nivel sénior como de base, ata converterse nun exemplo de traballo, organización e formación deportiva.
O nome do Fisober e, con él, o da Costa da Morte, percorreu pavillóns de toda Galicia e tamén de diferentes puntos da xeografía española, competindo ao máis alto nivel e acadando recoñecementos que colocaron ao club entre os referentes do fútbol sala feminino galego senior e de base.
Unha canteira exemplar
Se algo caracterizou ao Fisober ao longo da súa historia foi a súa aposta decidida pola formación.
Centos de nenos e nenas pasaron polas súas categorías inferiores, converténdose nun dos grandes motores do deporte base da bisbarra cumprindo co seu nome que leva as comarcas da zona, FIsterra, SOneira e BERgantiños. Xeración tras xeración, o club foi formando deportistas, pero tamén persoas, transmitindo valores de esforzo, compañeirismo, disciplina e compromiso.
A entidade conseguiu construír unha das canteiras máis recoñecidas do fútbol sala galego e ata sendo na base Campioas de España, (2025), nutrindo os seus equipos sénior e permitindo que numerosas xogadoras e xogadores progresasen deportiva e persoalmente.
Éxitos no feminino e no masculino
Ao longo da súa traxectoria, o Fisober non só destacou no fútbol sala feminino. Tamén desenvolveu importantes proxectos no ámbito masculino, tanto en categorías base como sénior.
Os éxitos deportivos acumuláronse co paso dos anos en forma de ligas, copas, campionatos provinciais, autonómicos, nacionais e fases finais e participacións en competicións de máximo nivel.
Pero máis aló dos títulos, o gran logro do club foi consolidar unha identidade propia e converterse nun símbolo deportivo da Costa da Morte, representando con orgullo a unha comarca que sempre respondeu cun importante apoio social.
Un agradecemento mutuo
No comunicado feito público este 28 de maio, o Fisober agradece expresamente “ao Concello de Dumbría e ao persoal das instalacións deportivas do Conco os dez anos de colaboración mantidos, destacando o trato recibido e a axuda prestada durante este tempo”.
Un agradecemento que tamén debería ser recíproco, pois durante máis dunha década o club contribuíu a proxectar o nome de Dumbría e da Costa da Morte por toda Galicia e España, converténdose nun dos grandes referentes deportivos do municipio.
Agora, coa mirada posta no futuro, o Fisober afronta unha nova etapa mantendo intactos os principios que marcaron a súa historia: a aposta polo fútbol sala, pola formación de base e polo deporte feminino e masculino.
O escenario cambiará, pero o legado construído durante todos estes anos permanecerá para sempre como unha das páxinas máis brillantes do deporte da Costa da Morte.
Porque o Fisober non é só un club. É unha parte da historia deportiva de toda unha comarca.
-Foto : Prensa Fisober
-Texto : Xosé Búa “Pirata”