O Fisober FSF Infantil xogará a final da Copa de Galicia o 13 de xuño en Milladoiro.

O Fisober FSF xa ten data e hora para gran final da Copa de Galicia Infantil Feminina de Preferente Futgal FS, unha cita na que as costeiras buscarán outro título galego oconquistado a pasada tempada na categoría anterior. No derradeiro chanzo para alzar a Copa de Galicia agárdaas o ED Poio Pescamar FS/Milongas

O conxunto da Costa da Morte iniciou o seu camiño cara á final superando nos cuartos de final ao Viaxes Amarelle FSF por 2-1. As fisoberistas resolveron un encontro moi disputado grazas aos goles de Martina Fernández e Martina Lago, que certificaron o pase á seguinte rolda.

Xa nas semifinais, o Fisober mostrou a súa mellor versión para derrotar por un contundente 3-0 ao Arealonga FS Chapela. Martina Lago, autora de dous tantos, e Claudia Ares encargáronse de rubricar unha vitoria que tivo un sabor especial para as rapazas costeiras. O triunfo serviu de particular vendetta deportiva despois de que o conxunto do Morrazo as privase recentemente do título da Copa da Liga de Preferente Galega, nunha final decidida desde o punto de penalti, tras acabar con empate a ceros, (0-0), e nos penaltis 4-5.

Con este percorrido impecable, o equipo fisoberista chega á final coa oportunidade de sumar unha nova coroa autonómica e confirmar o seu dominio na categoría. Pola súa banda, o ED Poio Pescamar FS/Milongas intentará derrotar as fisoberistas nun choque que promete máxima igualdade e emoción.

A final disputarase o vindeiro 13 de xuño no Pavillón Municipal do Milladoiro, unha instalación con pista de parquet que acollerá o encontro a partir das 17:45 horas.

O título galego infantil feminino estará en xogo nunha cita que reunirá a dous dos mellores equipos da comunidade e na que o Fisober buscará escribir unha nova páxina dourada na súa historia recente.

FISOBER FSF INFANTIL

Adestradoras : Paula Fandiño, Adriana Castro e Sharay Caamaño.

Xogadoras : Carlota Pazos, Noa Sambad, Claudia Ares, Martina Fernández, e Mar Méndez, Jimena Gordillo, Alba Taboada, Lola Soneira, Zoe, Montero, Eva Carballo, Marina Andrade, Martina Lago, Icia Romero, Iria Trillo, Paula Miñones e María Balayo.

.

-Foto grupo : Juan Ángel Sambad

-Foto e texto : Xosé Búa “Pirata”