O Fisober FSF Infantil subcampionas da Copa Galicia danlle as costas os penaltis na final ante o Poio Pescamar, (1-1)”.

Fisober FSF 1-1 Poio PescamarFS/Milongas

O Fisober FSF quedou ás portas de sumar un novo título ao seu xa brilante palmarés nunha tempada para lembrar. As costeiras caeron na quenda de penaltis (3-5) tras empatar a un gol ante o ED Poio Pescamar FS/Milongas na final da Copa Galicia Infantil de fútbol sala, disputada no Pavillón do Milladoiro na tarde do pasado sábado.

As rapazas dirixidas por Paula Fandiño, Andrea Castro e Sharay Caamaño chegaban a esta cita coa intención de poñer o broche de ouro a unha campaña extraordinaria. Non en van, este grupo vén de proclamarse campión da Preferente Galicia e o pasado curso conquistara Liga, Copa Galicia e Campionato de España en categoría alevín. Porén, a fortuna volveu ser esquiva desde os seis metros, tal e como xa acontecera na recente Copa da Liga, na que tamén os penaltis lles deron a espalda.

Celebrando o gol de Martina.

O encontro estivo marcado pola igualdade entre dous dos mellores conxuntos do panorama galego. O Fisober amosouse moi sólido desde o inicio e conseguiu adiantarse no marcador mediado o primeiro tempo grazas a un tanto de Martina Fernández. As fisoberistas souberon administrar a vantaxe durante moitos minutos, cun gran traballo defensivo e unha enorme intensidade en cada acción.

Na segunda metade, o Poio Pescamar dacadaba empate atopando a falta de poucos minutos para a conclusión, cando Elba Rivas establecía o 1-1 que xa sería definitivo ao remate do tempo regulamentario.

Sen máis movementos no marcador, o título tivo que decidirse na tanda de penaltis. Alí, as pontevedresas estiveron máis acertadas e acabaron levando o trofeo por un resultado de 3-5, deixando ás fisoberistas coa mel nos beizos, pero con moito orgullo por todo o feito nesta pasada tempada.

Malia a derrota, o mérito deste grupo é enorme. Cómpre lembrar que a maioría das xogadoras son de primeiro ano na categoría infantil, un detalle que engrandece aínda máis o traballo realizado ao longo de toda a tempada. A pesar de non poder levantar esta Copa Galicia, as costeiras pechan o curso cun balance extraordinario, consolidándose como unha das canteiras de referencia do fútbol sala feminino galego, campionas de liga, subcampionas da Copa da Liga e Subcampioas da Copa Galicia.

“A nosa máis cordial noraboa a tódalas/os que forman o Fisober FSF, xogadoras, adestradoras, diretivos, acudantes do clube e como non a toda a afección”.

FICHA TÉCNICA

Fisober Dumbría FSF : Carlota Pazos, Noa Sambad, Claudia Ares, Martina Fernández e Mar Méndez. Tamén participaron: Alba Taboada, Zoe Montero, María Balaio, Icía Romero, Marina Andrade, Lola Soneira e Martina Lago. 

ED Poio Pescamar FS-Milongas : Noa Vilas, Águeda Mato, Antía Rey, Naia Carballa e Amelia Cobo. Tamén participaron: Adriana Osuna, Elba Rivas, Sara Agís, Paula Blanco, María Silva e Elvira Mato. 

Árbitros: Alejandro Prego, Irene Prego e Dayanna Mendoza.

Goles : 1-0, Martina Fernández (10’); 1-1, Elba Rivas (34’).

Penaltis: 3-5 para o ED Poio Pescamar FS-Milongas.

.

-Fotos : Prensa Fisober FSF

-Texto e montaxe : Xosé Búa “Pirata”