O ESTADIO MUNICIPAL DE BALAÍDOS SERÁ OS DÍAS 18, 19 E 25 DE XULLO A SEDE DO “PLAY-OFF” DE ASCENSO Á SEGUNDA DIVISIÓN B

Balaidos será a sede dos “Play-Off” para os equipos galegos.

SD Compostela, Ourense CF, Arosa SC e CD Barco terán o próximo mes de xullo unha cita coa
historia no emblemático Balaídos despois de que o Concello de Vigo e o RC Celta aceptaran a
petición da RFGF

As semifinais polo ascenso disputaranse os días 18 de 19 de xullo e a gran final polo ascenso á
Segunda División B terá lugar o sábado día 25. Os horarios dos encontros aínda están por
determinar

SD Compostela, Ourense CF, Arosa SC e CD Barco xogaranse o ascenso á Segunda División B no
Estadio Municipal de Balaídos logo de que o Concello de Vigo respondese de xeito afirmativo á
solicitude presentada pola Real Federación Galega de Fútbol.

A Federación contactou primeiro co RC Celta, que desde o primeiro momento mostrou a súa total
colaboración, e esta mañá foi o Concello de Vigo quen confirmou a súa autorización, polo que xa é
oficial que o playoff de ascenso entre os catro equipos galegos terá lugar no estadio do noso equipo
representante na elite do fútbol español.

Sen dúbida será este un gran premio para os xogadores dos catro conxuntos da nosa comunidade.
Así o solicitaron os seus presidentes nun encontro telemático coa RFGF e de seguido a
Federación púxose a traballar para poder confirmar Balaídos como o escenario desta fase de
ascenso exprés.

O presidente da RFGF, Rafael Louzán, e toda a Xunta Directiva da Federación agradecen a
colaboración e a magnífica predisposición do Concello de Vigo e do RC Celta para poder celebrar
este evento deportivo nun gran escenario deportivo.

Datas
O playoff de ascenso á Segunda División B disputarase os días 18, 19 e 25 de xullo segundo o
seguinte calendario:

• Sábado 18: Semifinal SD Compostela – CD Barco
• Domingo 19: Semifinal Ourense CF – Arosa SC
• Sábado 25: Final

Os horarios tanto das semifinais como da final están aínda por determinar.
Cómpre salientar que en caso de empate non haberá prórroga nin penaltis, polo que serán os
mellores clasificados os que accedan á final en caso de empate nas semifinais e ascenderá de
categoría o mellor clasificado se a final tamén remata cun empate.

 

-Foto : Wikipedia

Texto :  Comunicación RFGF

 

 

 

++++

Informarche de que se nos estás seguindo polo móbil, que para ordenadores temos outro formato moito completo ca o que che pode ofrecer un móbil polas súas dimensións de pantalla.

Tamén informar que trocamos de email: admin@piratasdemuxia.es

Contrata a tua publicidade connosco e chegarás cada día a milleiros de persoas.


Attachment

Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso.

ACEPTAR
Aviso de cookies