O DEPORTIVO FEMININO XOGA ESTE DOMINGO EN ZARAGOZA O ENCONTRO APRAZADO DA 16ª XORNADA COA POSIBILIDADE DE VOLVER A SER LIDER DA COMPETICIÓN.

 

O Deportivo ABANCA encara o partido ante o Zaragoza CFF deste domingo 20 de febreiro ás 12:00 horas, (11:00 GMT), no “Estadio Enrique Porta”, na localidade de Villanueva de Gállego, coa intención clara de tentar recuperar o liderado. O encontro corresponde á 16ª xornada no grupo norte de Reto Iberdrola e foi aprazado a finais de xaneiro por COVID no vestiario branquiazul.

O cadro deportivista é segundo na táboa con 37 puntos, a 2 puntos do líder, o FC Levante Las Planas, que ten 39 e un partido máis xogado. Por conseguinte, un triunfo do Dépor ABANCA este domingo levantaría de novo todo o máis alto da clasificación ás futbolistas de Miguel Llorente.

Ambos os equipos ven as caras en pleno parón ligueiro, circunstancia que no entanto o técnico deportivista valorou positivamente esta mañá en rolda de prensa: “Somos persoas e cando durante un tempo as cousas non veñen de cara por lesións, por COVID, por historias está ben parar, mirar cara adentro, mirar que se pode mellorar, falar, comunicarnos. O outro día Borja Jiménez dicía estar xuntiños, xuntiñas. Estou de acordo con el e iso fixemos esta semana”.

Nesta liña, comentou Miguel Llorente aos medios de comunicación que “a nivel de xogo volvemos aos nosos básicos que creo que perderamos nos últimos partidos, a saber o que nos sae ben, o que somos boas, a estar xuntas, a falar, a comentar cousas que podemos mellorar. É un parón que nos vén moi ben porque non tes esa competición tan encima e podes dedicarlle un pouco máis de tempo a sentarche con elas e a verche as caras. Ao final te ves no adestramento, termina e vas e volves. Tentamos estar un pouco máis de tempo xuntos e xuntas para charlar e para sacar isto adiante”.

O Deportivo ABANCA recupera para o partido a Eva Dios, Jone Ibáñez e Laura Fernández. Unicamente son baixas forzosas Alba Merino e Patri López. Aroa Guerra e Tati representan a #ANOSACANTEIRA na citación de 18 futbolistas.

 

Pola súa banda, o Zaragoza CFF transita pola zona media da táboa. Ocupa a novena posición con 19 puntos aínda que a súa traxectoria é ascendente.

As futbolistas mañas preséntanse ante o Dépor ABANCA reforzadas moralmente co empate de pompa ante o FC Levante Las Planas (1-1) no campo Enrique Porta na última xornada; e a vitoria no Centro Deportivo Wanda Alcalá de Henares (1-3) na penúltima cita no grupo. Ambos os resultados coinciden co cambio de técnico: Samuel Luna, segundo adestrador, tomou as rendas do equipo en substitución de Víctor Búrdalo na semana na que foi aprazado o choque ante as branquiazuis e antes pois destes dous encontros saldados con resultados positivos.

O Zaragoza CFF reforzouse con dúas futbolistas bielorrusas: a centrocampista Anastasiya Shlapakova e a defensa Ksenia Kubichnaya, aínda que esta última lesionouse no xeonllo e será baixa para o choque.

E aínda por riba, a entidade zaragozana festexou ao grande a xesta do seu conxunto alevín xa que por primeira vez no fútbol aragonés un equipo feminino, neste caso o do Zaragoza CFF, proclamouse campión nunha competición na que os seus rivais son masculinos.

Os case 800 quilómetros que separan A Coruña de Zaragoza obrigaron ao corpo técnico de Miguel Llorente e Ana González a suspender a habitual sesión de traballo de mañá sábado en Abegondo, saír de viaxe á primeira hora da mañá e organizar unha suave sesión de activación nada máis chegar ao hotel Eurostars Boston da capital aragonesa.

Así pois, o plan de viaxe do Deportivo ABANCA é o seguinte:

Sábado 19 de febreiro
9:00: Saída en autocar a Zaragoza con parada para comer en Osorno (Palencia)
19:00 (horario aproximado): Chegada ao hotel Eurostars Boston en Zaragoza
19:30: Sesión de activación nas instalacións do propio hotel

Domingo 20 de febreiro
12:00: Zaragoza CFF – Deportivo ABANCA, no Estadio Enrique Porta, en Villanueva de Gállego
Ao concluír, regreso en autocar á Coruña

O Dépor ABANCA retomará os adestramentos o luns ás 17:00 na Cidade Deportiva.

-Foto e Texto : rcdeportivo.es