O clube portugués,Valadares Gaia FC co trofeo.
Deportivo ABANCA 0-0 Valadares Gaia FC
(Penaltis 4-5)
A IX edición do Trofeo Teresa Herrera en categoría feminina decidiuse após a lotaría dos penaltis a pesar de que o Dépor ABANCA fixo merecementos durante todo o partido para que o marcador se movese antes de chegar ao azaroso desenlace.
O Dépor ABANCA puxo o xogo, pero sobre todo as ocasións, nun partido no que, a pesar de ser o primeiro da pretemporada e as poucas sesións de traballo acumuladas nas pernas, puidéronse empezar a albiscar interesantes achegas individuais e tácticas de cara a afrontar a temporada.
A primeira chegada das Nosas foi no minuto 7 por mediación de Ale Serrano, que, pola esquerda, centrou raso ao segundo pau para que rematase Tati nunha ocasión que a punto estivo de coárselle a Andrea Neves, que atrapou o coiro en dous tempos sobre a mesma liña de gol. Dobrado ese tempo Paula bateu bombeado moi preto do recanto esquerdo do portal luso. Houbo que esperar aos últimos 10 minutos do primeiro tempo para ver outras tres chegadas claras das branquiazuis. A primeira nun balón en profundidade de Inés para María Ruiz que se plantou ante a porteira portuguesa, escorada cara á esquerda, e disparou desviado, á dereita do marco visitante. Instantes despois, Ainhoa Marín, após unha longa combinación entre ela mesma, Jone e María Ruiz, recortou na área para coa súa perna boa buscar o pau contrario, pero o esférico marchouse fóra, preto da madeira. E xusto antes de encarar o camiño aos vestiarios, María Ruiz enviou unha falta ao traveseiro imposible para a porteira pero que non acabou contra a rede.
Após a continuación, a mesma protagonista, María Ruiz anticipouse á saída de Andrea Neves nun balón en profundidade pero non conseguiu superar a saída da gardameta lusa. O Dépor ABANCA seguiuno tentando e até noutras tres ocasións tivo a oportunidade de evitar os penaltis. Ainhoa alto no segundo pau após centro pasado de Tati, un bo servizo de Ainhoa nun saque de esquina xogado en curto que non é capaz de dirixir con contundencia Raquel e finalmente un gran pase de Monteagudo que acabou con remate coa dereita, chegando desde atrás, de Jone Ibáñez que sacou a córner nunha gran intervención a porteira portuguesa.
Con todos eses argumentos durante o partido e sen chegadas visitantes, a propiedade do IX Teresa Herrera se decidiu nunha quenda de penaltis na que acertaron todas as lanzadoras excepto a que pechaba a serie branquiazul, Paula Monteagudo. O acerto final de Pipa para as portuguesas deu o Trofeo ao Valadares de Gaia FC, mentres que María Ruiz levou o Trofeo Estrella Galicia como mellor xogadora dun partido con cor branquiazul e campión aurinegro.
Deportivo ABANCA: María Sampalo (Ana Valles, min. 46), Cris, Raquel (Andrea Sierra, min. 63), Inés, Patri López, Jone Ibáñez, Paula, Ale Serrano (Monteagudo, min. 46), Tati (Aroa, min. 74), María Ruiz e Ainhoa (Laura Fernández, min. 63).
Valadares Gaia FC: Andrea Neves (Cláudia Rocha, min. 90), Daniela Pereira (Andreia Freitas, min. 63), Diva, Belinha, Joana Monteiro, Machado, Scapi (Joana Gomes, min. 63), Cláudia Lima (Inês Freitas, min. 90), Joana Neves (Malu, min. 46), Cristina e Rita Dias (Pipa, min. 63).
Quenda de penaltis: Inés (1-0); Cristina (1-1); María Ruiz (2-1); Machado (2-2); Laura Fernández (3-2); Andreia Freitas (3-3); Paula (4-3); Malu (4-4); Monteagudo (para Cláudia Rocha, 4-4); Pipa (4-5).
Árbitra: Casal Fernández (c. galego). Amoestou a Daniela Pereira (min. 44) e a Cláudia Lima (min. 61).
Incidencias: partido correspondente ao IX Trofeo Teresa Herrera disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR con asistencia limitada a 5.000 espectadores debido á pandemia de COVID-19.
Se queres ver o encontro PREME AQUÍ
-Foto e Texto : RC Deportivo