O Deportivo ABANCA regresa ao fortín de Abegondo, onde non competía desde o pasado 11 de decembro, mañá sábado 22 de xaneiro ás 17:00 fronte ao CD Parquesol, en partido correspondente á 15ª xornada no grupo norte de Reto Iberdrola.
Na Cidade Deportiva non se escapou ningún punto no que vai de temporada e Miguel Llorente ten claro o porqué: “Non sabía o que se montaba en Abegondo. Non tiña nin idea. E desde o primeiro día quedei obnubilado porque o ambiente que se crea aquí, respectando a todo o mundo, eu non o vivín en ningún outro campo de Reto. Está claro que nos axuda moitísimo. Entón canta máis xente veña, máis fortes imos ser. O dato vén tamén dado polo noso modelo de xogo. Aquí non perdemos pero fóra perdemos dous. A historia é que encaixamos pouco e marcamos bastante. E iso vén do noso modelo e a nosa idea de xogo”.
No Deportivo ABANCA son baixa para este partido por lesión Alba Merino, Laura Fernández e Eva Dios, esta a consecuencia dunha lesión muscular nun cuádriceps. Aroa Guerra, unha das goleadoras en Pradejón a pasada fin de semana, e Tati representarán a #ANOSACANTEIRA na convocatoria de 18 futbolistas de Miguel Llorente.
O CD Parquesol é antepenúltimo da clasificación con 8 puntos, só por diante do Sporting de Gijón e o CE Seagull.
As valisoletanas, lonxe do seu campo, só gañaron un partido, ante o CDF Osasuna (1-4). Ademais empataron fronte ao Atlético de Madrid B (1-1); e caeron ante o Athletic Club B (2-0), CE Seagull (2-0), RCD Espanyol (2-0), SE AEM (2-0) e Oviedo Moderno CF (3-0).
-Foto e Texto : rcdeportivo.es
-Previa en castelán : https://www.rcdeportivo.es/gl/noticia/o-deportivo-abanca-regresa-mana-sabado-ao-fortin-de-abegondo-fronte-a-un-cd-parquesol-que-estrea-tecnico