O DEPORTIVO CAMPIÓN DO BENÉFICO “I TORNEO DE VETERANOS COSTA DA MORTE” QUE TIVO UN ÉXITO ROTUNDO.

O Deportivo primeiro campión do torneo.

I Torneo Internacional de Veteranos Costa da Morte

Tal e como xa vos viñemos contando nas previas o pasado sábado 23 e domingo 24 de agosto de 2025, celebrouse en Carballo, no campo de As Eiroas, a primeira edición do Torneo Internacional Costa da Morte de Veteranos, organizado polo CF Cances en colaboración co Concello de Carballo, Bergantiños FC, Carballo Deporte e outras entidades locais.

A cita reuniu a doce equipos de veteranos, tanto galegos como doutros puntos de España, incluíndo ao Deportivo da Coruña, Peloteros de Granada, Veteranos de Zamora, Juventud de León, Atlético River de Ourense, San Román de A Laracha, Rossonero de A Coruña, así como os equipos locais Oza, A Piña, Cereo e a Selección Lendas da Costa.

A competición dividíuse en fases de grupos, cuartos, semifinais e finais, cun formato de partidos de 45 minutos en fútbol 11. Os horarios abrangueron desde partidiños sabatinos ata as finais do domingo ao mediodía, seguidas da entrega de trofeos e premios individuais, cun ambiente festivo rematando con churrascos, bocadillos e bebidas para o público.

Solidariedade en primeiro plano

O torneo tivo un marcado carácter benéfico: todos os beneficios irán destinados á asociación Mi Princesa Rett, en apoio á pequena Daniela Novo, de Ponteceso, afectada polo síndrome de Rett.

 As entradas, vendidas baixo a forma de “pulseiras solidarias” a 2,50 €, xunto cos produtos promocionais, (camisetas, pulseiras, abridores…), lograron unha recadación inicial de 1.000 € soamente en entradas, cifra á que se sumaron as vendas de merchandising solidario.

Un dos momentos máis emotivos tivo lugar cando os equipos foráneos, (Peloteros, Zamora e Juventud de León), uníronse para cantar “La Morocha”, a canción favorita de Daniela, xunto a ela e outras nenas presentes, provocando unha onda de emoción en todos os asistentes. A xenerosidade dos Peloteros de Granada tamén brillou, levaron a Daniela ao seu vestiario, xogaron con ela, cantaron e saltaron para animala, (un xesto que a organización destacou con gratitude).

O Deportivo primeiro campión do torneo

Na final, os Veteranos do Deportivo da Coruña alzáronse coa vitoria ao vencer por 1-0 aos Peloteros de Granada. Zamora finalizou no terceiro posto, seguido por Juventud de León, San Román e Oza Bombonera.

Nos recoñecementos individuais,  Amaro (Juventud de León) levouse o de mellor porteiro, e Borja (Peloteros) foi elegido como mellor xogador do torneo.

A presidenta do CF Cances, Yolanda Duarte, apuntou que o torneo foi un éxito “fenomenal, moito máis do que esperábamos, saeu estupendamente todo”, e destacou que “foi 100 % benéfico”, e non ten dúbidas que se “repetirá para o vindeiro ano”.

Nestes vindeiros días traerémosvos unha reportaxe de fotos e coas conclusión por parte da orgañización.

-Fotos : RC Deportivo de Veteranos

-Texto : Xosé Búa “Pirata”