
Depor ABANCA 2-0 SC Braga
O Dépor ABANCA abriu a súa tempada en Riazor este sábado 9 de agosto, estreándose ante a súa afección na 13ª edición do Trofeo Teresa Herrera feminino. O SC Braga, debutante no torneo e cuarto representante luso na súa historia, foi o rival desta edición.
As futbolistas dirixidas por Fran Alonso impuxéronse por 2-0, nun encontro controlado de principio a fin, e acadaron así a súa sexta Torre de Hércules, reforzando o seu liderado no palmarés da competición.
O precedente recente xa era favorable: hai unhas semanas, en Braga, as coruñesas venceran con claridade (0-4). Nesta ocasión, a calor e a presión da estrea en casa non impediron un arranque fulgurante. Aos dous minutos, Marisa apareceu no lugar axeitado para adiantar ás branquiazuis.
O conxunto portugués, que conta cunha base sólida de internacionais, tentou reaccionar, pero a presión alta local impediu que atopasen comodidade. As mellores ocasións seguiron sendo galegas: Ainhoa Marín obrigou a Patricia Morais a intervir cunha gran parada no 25’, e pouco antes do descanso volveu rozar o gol cun remate de cabeza que saíu fóra por pouco. Elena tamén probou fortuna desde a frontal, pero de novo a gardameta visitante respondeu.
Tras o paso por vestiarios, chegou a sentenza: Redru, canteirá en clara progresión, executou un disparo axustado ao poste dereito que fixo inútil a estirada de Morais. Era o minuto 50 e o título quedaba practicamente decidido.
Co marcador a favor e un amplo número de cambios nos dous equipos, o Dépor ABANCA administrou a vantaxe ata o final, sumando unha nova edición do Teresa Herrera ao seu historial e deixando boas sensacións antes do arranque oficial da tempada.

Ficha técnica:
Deportivo ABANCA: Inês Pereira (Yohana, 75’); Samara (Paula Novo, 62’), Henar (Sara, 88’), Marina Artero, Paula Gutiérrez (Lucía Martínez, 62’), Monteagudo (Cavanagh, 62’), Ainhoa Marín (Eva Dios, 75’), Marisa (Carmen, 75’), Elena (Laura Ruiz, 88’), Barth (Valbuena, 75’) e Redru (Bárbara, 62’).
SC Braga: P. Morais; Miller, Lewis (Alicia C., 52’), Carol (Cris, 81’), M. Alagoa (Dudukovich, 65’), Malu (Öling, 65’), Halldórsdóttir (Melany, 81’), Zoï (Nadia Filipa, 86’), Ágata Filipa (Arnardóttir, 52’), Moon e Ana Rute.
Árbitra: Beatriz Cuesta Arribas (Comité Galego). Amoestou a Alagoa (39’).
Goles: 1-0 Marisa (2’), 2-0 Redru (50’).
Incidencias: Encontro disputado no ABANCA-RIAZOR, marcado por altas temperaturas.
-Foto e vídeos : RC Deportivo
-Texto : Xosé Búa “Pirata”