O DEPOR XOGARÁ CA PRIMEIRA CAMISETA NA SUA HISTORIA, FEITA CON PLÁSTICO RECICLADO DA QUE SAEN A VENDA 500 UNIDADES.

 

Kappa, patrocinador técnico do RC Deportivo, presenta hoxe, da man do Club, a primeira camiseta da historia do Dépor fabricada con tecido totalmente reciclado.

O Tecido EcoRec fabrícase a partir de residuos plásticos posconsumo, un tecido elaborado a base de recuperar botellas de plástico e outros lixos deste material de mares e océanos. A partir de aí, por cada 60 botellas obtense un quilo de fío. O único tratamento que recibe a peza é o tinguido da tea de branco a azul, reducíndose ademais o consumo de auga para a súa produción.

O deseño, realizado entre ambas as entidades, integra o branquiazul da camiseta e todas as aplicacións de marca baixo o azul do mar do que se recuperaron todos eses residuos para poder fabricar esta peza.

Por iso, o RC Deportivo quere agradecer especialmente a todas as marcas presentes na elástica: Estrella Galicia, ABANCA, Kappa e DIGI o renunciar puntualmente ás súas aplicacións de marca normativas para esta edición especial de 500 camisetas do RC Deportivo.

Unha edición especial que ademais inclúe a novidade dunha etiqueta NFC após o escudo do Club, un novo sistema que permite, achegando un terminal móbil, dispor de contidos exclusivos e personalizables para as persoas que teñan esas camisetas, ademais de trazar a propiedade dixital exclusiva da mesma a través da tecnoloxía NFT.

A camiseta terá seguro unha longa vida nas casas dos Deportivistas, pero unha moi breve en competición oficial, porque só se utilizará para o partido que RC Deportivo e Unionistas de Salamanca disputarán o próximo 8 de xaneiro ás 19:00 h. en ABANCA-RIAZOR. Como xa ocorreu con Galicia Verde, servirá para facer un chamamento desde o Dépor, a través dun símbolo tan importante como son as nosas camisetas, ao coidado de mares e océanos alagados de residuos plásticos aos que a industria téxtil está a dar nova vida útil a través de pezas como a que lucirán Os Nosos, ademais de axudar a concienciar na limpeza do mar e as súas costas.

Novamente, con esta acción o RC Deportivo quere pór a disposición da sociedade o seu potente altofalante social para colaborar na difusión de campañas de concienciación de coidado e limpeza dos mares, proxectos cos que colabora a través da súa Fundación para contribuír aos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable de Nacións Unidas, concretamente ao 14: Vida submarina, conservar e utilizar sosteniblemente os océanos, os mares e os recursos mariños.

Dado que parte da produción son as pezas que usarán Os Nosos o próximo día 8, as menos de 500 camisetas xa están a disposición do deportivismo nas DéporTiendas físicas de ABANCA-RIAZOR, Marineda City e rúa Real, ademais de en www.deportienda.es. Unhas camisetas que, para minimizar a súa pegada de carbono como sucedeu na produción, trasladáronse desde fábrica até as tendas en vehículos eléctricos e serán entregadas no punto de venda en caixas de cartón exclusivas para esta acción.

-Fotos e Texto : RC Deportivo