O Dépor volve á Liga con baixas importantes, a incertidume de como veñen os seleccionados a recuperación de Amatucci e un reto pendente : deixar a portería a cero.

O Dépor afronta este Domingo unha das probas máis esixentes do inicio ligueiro. Os nosos visitan á Real Sociedad en Anoeta, ás 16:15 horas, na oitava xornada da Primeira División Española, coa intención de prolongar o bo arranque de competición que os mantén na sétima posición con 10 puntos.

Pero o regreso á competición chega condicionado polas baixas, especialmente na parcela ofensiva. Aubameyang e Zakaria Eddahchouri continúan fóra por lesión, mentres que Marc Casadó, lesionado ante o Betis, tampouco estará dispoñible e a súa recuperación apunta a finais de ano, proincipios do que ven.

A boa noticia chegou este martes con Lorenzo Amatucci, que xa traballou co grupo e apunta a estar dispoñible para Anoeta. Tamén Riki Rodríguez, Luismi Cruz e Adriá Altimira, que foran baixa por cargas musculares, completaron a sesión con normalidade.

Unha portería a cero que aínda se resiste

Máis alá dos nomes propios, hai un reto que o Dépor ten pendente neste comezo de temporada: conseguir deixar a portería a cero.

Os nosos levan 10 goles a favor e 8 en contra nas sete primeiras xornadas, unha cifra que fala dun equipo competitivo e difícil de derrotar, pero que aínda non foi capaz de pechar ningún encontro ligueiro sen encaixar. O balance é de dúas vitorias, catro empates e unha derrota.

E precisamente en Anoeta pode estar unha das claves. A Real Sociedad tamén suma 10 puntos, aínda que encaixou xa 13 goles nas sete xornadas disputadas. É dicir, enfronte estará un equipo que tamén concede e ao que o Dépor pode facer dano, pero para sacar algo positivo de Donosti será fundamental recuperar a solidez defensiva.

Anoeta, primeira parada tras o parón

O longo parón de seleccións deixou ao Dépor dúas semanas sen competición oficial, aínda que os de Antonio Hidalgo disputaron dous amigables ante Penafiel e Porto. Un parón que era protestado por todo o deportivismo por ser algo nunca visto pero que o final valeu para que os lesionados se perdan menos encontros e progresen nas suas recuperacións e para que os menos habituais e os xogadores con falta de rodaxe colan máis minutos de xogo e adestramento nas pernas.

Toca volver á tensión da Liga nun estadio complicado

Agora toca volver ao máis importante e a  cita será este Domingo 11 de outubro, ás 16:15 horas, en Anoeta. Unha oportunidade para que os nosos dean outro paso adiante, manteñan o bo momento clasificatorio e, sobre todo, asinen por fin esa primeira portería a cero que tanto se está resistindo.

–

-Foto : RC Deportivo

-Texto : Xosé Búa “Pirata”

–