O Depor, o Dépor ABANCA e o Fabril coñecerán hoxe os seus calendarios para a tempada 2026/27.

O deportivismo estará moi pendente na tarde deste martes, xa que a partir das 20:00 horas daranse a coñecer os calendarios oficiais da Primeira División, da Liga F e da Primeira Federación, competicións nas que militarán o Depor, o Dépor ABANCA e o Fabril, respectivamente.

O acto celebrarase na Praza de Colón de Madrid, convertida durante o Mundial na denominada Praza Selección, e permitirá coñecer a folla de ruta dos tres conxuntos branquiazuis para a campaña 2026/27.

No caso do Depor, o sorteo despexará unha das grandes incógnitas do verán: a orde das 38 xornadas da máxima categoría, incluíndo a data do debut ligueiro e tamén cando se disputará o agardado regreso do derbi galego á Primeira División.

Pola súa parte, o Dépor ABANCA coñecerá o calendario da Liga F, mentres que o Fabril saberá a orde dos seus compromisos na Primeira Federación.

A presentación poderá seguirse en directo a través das canles oficiais da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), estando prevista tamén a súa emisión en plataformas como Movistar+ e DAZN.

A tempada 2026/27 arrancará a fin de semana do 15 e 16 de agosto, aínda que os equipos que conten con xogadores participantes no Mundial estrearanse entre os días 25 e 27 de agosto.

Ademais destas tres competicións, o acto servirá tamén para sortear os calendarios da 2ª División, da Primeira Federación Feminina e das Primeiras Divisións masculina e feminina de Fútbol Sala.

En total, na Praza de Colón de Madrid daranse a coñecer os calendarios das sete principais competicións do fútbol español: 1ª División, (LALIGA EA SPORTS), 2ª División, (LALIGA Hypermotion), Primeira Federación, Liga F Moeve, Primeira Federación Feminina, Primeira División de Fútbol Sala e Primeira División Feminina de Fútbol Sala.

En Piratas de Muxía ofreceremos, unha vez rematado o sorteo, os calendarios completos do Depor, do Dépor ABANCA e do Fabril.

-Foto e texto : Xosé Búa “Pirata”