O Dépor move ficha : O arteixán Alberto Rodríguez collerá as rendas do Deportivo ABANCA e Luis Chacón marcha traspasado ao Valladolid.

O RC Deportivo continúa perfilando o seu novo proxecto tanto no fútbol feminino como no masculino. Nas últimas horas coñeceuse que o arteixán Alberto Rodríguez, ex do Sigüeiro FC e do SD Sofán, será o novo adestrador do Deportivo ABANCA, mentres que o club tamén confirmou o traspaso de Luis Chacón ao Real Valladolid, poñendo fin á súa etapa como futbolista branquiazul.

Alberto Rodríguez asume o cargo no feminino

Alberto Rodríguez, natural de Arteixo, dá un importante paso na súa carreira tras formar parte do corpo técnico que encabezou Fran Alonso. O técnico asume agora a responsabilidade de dirixir o primeiro equipo feminino, nunha aposta pola continuidade e polo coñecemento da casa, co reto de consolidar o proxecto deportivista na máxima categoría.

Alberto Rodríguez incorporouse ao RC Deportivo en xaneiro de 2025 e, desde entón, formou parte do corpo técnico do Dépor ABANCA, participando de maneira activa no traballo diario do equipo.Licenciado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e posuidor da titulación UEFA Pro, conta ademais con experiencia como primeiro adestrador no fútbol galego, tal como vos decíamos nunha etapa dirixiu á SD Sofán e tamén Sigüeiro FC, ambos na Terceira Galega.

.Coñecedor da estrutura do Club e do cadro de xogadoras, Alberto Rodríguez afronta agora unha nova etapa á fronte do Dépor ABANCA co obxectivo de seguir competindo ao máximo nivel na elite do fútbol feminino español.

Luis Chacón o Valladolid

No capítulo de saídas, o protagonista é Luis Chacón. O futbolista de Pontedeume deixa definitivamente o Dépor para iniciar unha nova aventura no Real Valladolid, club co que asina un contrato para as próximas cinco tempadas.

Chacón chegou a ser un dos xogadores con maior proxección da canteira deportivista, aínda que nunca logrou facerse un oco estable no primeiro equipo, nunha época que houbo e hai overbooking na sua demarcación, a pesares de demostrar calidade e números sempre que xogou nas suas cesións.

As súas dúas cesións consecutivas á Cultural e Deportiva Leonesa serviron para reivindicar o seu talento, converténdose nun dos futbolistas máis destacados do conxunto leonés e acumulando actuacións de gran nivel que espertaron o interese de varios equipos do fútbol profesional.

Porén, ese rendemento non foi suficiente para consolidarse no primeiro cadro do Dépor, que finalmente optou polo seu traspaso. O club limitouse a comunicar a saída cunha breve mensaxe:

“Luis Chacón deixa de ser xogador do RC Deportivo e marcha traspasado ao Real Valladolid. O RC Deportivo quere agradecerlle o seu compromiso e profesionalidade durante a súa etapa na Coruña e deséxalle moita sorte no seu próximo proxecto profesional.”

Aínda que ningunha das entidades fixo públicas as cifras da operación, distintos medios especializados sitúan o traspaso arredor dos 500.000 euros, unha cantidade que permitiría ao Dépor ingresar unha importante suma por un futbolista formado na súa estrutura.

Dous movementos que evidencian que o verán segue deixando novidades en Abegondo e Riazor: un novo liderado para o Deportivo ABANCA e a despedida dun canteirán que buscará confirmar o seu crecemento en Valladolid.

No Dépor espéranse máis movementos ao longo dos próximos días para seguir dando forma ao persoal de Antonio Hidalgo. Tras as saídas dos cedidos Mulattieri, Gragera e Stoichkov, e dos futbolistas que remataron contrato, Escudero e Cristian Herrera, o club continúa traballando na operación saída. De feito, Petxarroman, Bouldini, Mardones, Jairo Noriega, Diego Gómez e Martín Ochoa non entraron na convocatoria do técnico para a primeira sesión de adestramento da pretempada, celebrada este martes no Dépor Training Center, un sinal de que o seu futuro podería estar lonxe de Riazor.

-Foto Alberto Rodríguez : Twitter @BertoARF

-Foto Luis Chacon : RC Deportivo

-Texto : Xosé Búa “Pirata”