O Dépor mide hoxe forzas co Leganés en busca de prolongar a súa boa dinámica.

Stoichkov  xa viaxou co equipo.
O Depor afronta hoxe luns 1 de setembro unha nova saída na súa traxectoria na Segunda División. O cadro branquiazul visitará Butarque ás 21:30 horas (20:30 GMT) para medirse ao CD Leganés, coa intención de seguir invicto tras as dúas primeiras xornadas de campionato.
Baixas confirmadas
Antonio Hidalgo non poderá dispoñer de Lucas Noubi, chamado pola selección sub-21 de Bélxica. O central, que completou unha boa pretempada, aínda non puido estrearse en partido oficial e terá que agardar, polo menos, unha semana máis.
Na enfermaría continúa José Ángel, que traballa á marxe dos seus compañeiros para superar unha lesión muscular que o deixou fóra de combate neste inicio ligueiro. Ademais, o técnico tampouco contará con Genreau nin con Bouldini. O primeiro rescindiu o seu contrato co club, mentres que o dianteiro marroquí puxo rumbo ao Granada en calidade de cedido e xa xogou no día de onte.
Novas caras en ataque
O conxunto coruñés moveuse no mercado para cubrir estas ausencias ofensivas. O martes oficializouse a chegada de Samuele Mulattieri, cedido polo Sassuolo, quen xa completou a súa primeira semana de adestramentos en Abegondo. A el súmase Stoichkov, tamén a préstamo, que regresa á disciplina de Hidalgo despois da súa saída do Granada como parte da operación Bouldini.
Ambos poderían dispoñer de minutos xa en Butarque, malia levar pouco tempo traballando co grupo. O adestrador tamén incluiu na convocatoria ao fabrilista Mané, atacante senegalés que leva varios días exercitándose co primeiro equipo. 
Un reto de altura
O partido fronte ao Leganés preséntase como unha nova oportunidade para comprobar a evolución do Deportivo e consolidar a boa dinámica nun escenario sempre esixente. Hidalgo advertiu na súa comparecencia que será “un encontro de máxima intensidade”, no que os seus xogadores “deberán manter a concentración durante os noventa minutos” para continuar coa súa serie positiva.

 

Peche de mercado
Hoxe pecha o mercado de xogadores estival e todo apunta a que só chegaría alguén en caso dunha boa maniobra. O clube está buscando acomodo a Martín Ochoa, que sona para o Unionistas de Salamanca e Diego Gómez, que sona para o Tenerife ou o Atlético B, todos eles equipos da Primeira RFEF.
-Foto : RC Deportivo
-Texto : Xosé Búa “Pirata”