Depor 2-0 Le Havre
A unha semana de estrearse en LaLiga Hypermotion contra o Granada, o Depor pechou a súa pretempada este sábado 9 de agosto coa tradicional posta de longo ante a nosa afección, coincidindo coa 80ª edición do Trofeo Teresa Herrera. O rival de honra foi o Le Havre AC, conxunto da máxima categoría francesa.
O equipo de Antonio Hidalgo chegaba con boas sensacións tras vencer o mércores ao Real Oviedo (1-2) no Trofeo Emma Cuervo, remontando un gol inicial dos asturianos. O Depor en Riazor, confirmou a súa boa liña superando por 2-0 ao conxunto galo, cos tantos de Chouri e Yeremay, e engadindo unha nova Torre de Hércules ao seu palmarés, a número 27.
Hidalgo non puido contar con Jose Ángel, Petxarroman nin Ximo Navarro, este último xa incorporado parcialmente ao traballo grupal. O técnico repetiu o seu debuxo habitual con tres centrais (Loureiro, Arnau e Dani Barcia), carrís para Escudero e Luismi Cruz, dupla no medio con Gragera e Villares, e tridente ofensivo formado por Yeremay, Mario Soriano e Eddahchouri.
O primeiro tempo tivo cor branquiazul, con varias ocasións claras, sobre todo do dianteiro neerlandés, que se topou en dúas ocasións con Diaw nos minutos iniciais. O Le Havre, forte fisicamente, buscou igualar forzas, mais apenas inquietou a Germán. Yeremay e Loureiro tamén probaron fortuna antes do descanso, mais o marcador non se moveu.
Tras a reanudación, o Dépor mantivo o control e atopou o premio no minuto 65: centro preciso de Quagliata que Chouri controlou e definiu con calma para o 1-0. Pouco despois, Mella puido sentenciar pero non acertou. Foi Yeremay quen, no 82, resolveu un man a man ante Diaw para establecer o definitivo 2-0.
Con esta vitoria, o Deportivo pecha a pretempada cunha nova alegría para a súa xente e co obxectivo xa posto no inicio ligueiro.
Ficha técnica:
Deportivo: Germán; Luismi Cruz (Mella, 62’), Loureiro (Damián, 84’), Arnau (Lucas Noubi, 46’), Dani Barcia (Samu, 62’), Escudero (Quagliata, 62’); Gragera (Patiño, 62’), Villares (Cristian Herrera, 73’); Mario Soriano (Rubén López, 73’), Yeremay (Martín Ochoa, 84’) e Chouri (Bouldini, 73’).
Le Havre AC: Diaw; Lloris (Nego, 87’), Kechta, Seko (Thiaré, 87’), Ndiaye (Bouneb, 87’), Zouaoui, Namli (Doucoure, 81’), Delaine, Ebonog (Kyeremeh, 64’), Soumare (Logbo, 87’) e Sangante (Youte, 64’).
Árbitro: Miguel González Díaz (Comité Galego). Amoestou a Sangante (60’), Quagliata (80’), Kechta (80’) e Diaw (80’).
Goles: 1-0 Chouri (65’); 2-0 Yeremay (82’).
Incidencias: 80ª edición do Trofeo Teresa Herrera, disputado no Estadio de Riazor ante 12.744 espectadores.
-Foto e vídeo : RC Deportivo
-Texto : Xosé Búa “Pirata”