O DEPOR EMPATA CO MIDDLESBROUGHT, (2-2) NUN CHOQUE MOI ESIXENTE PARA REMATAR A XIRA INGLESA.

Yeremay celebrando o seu golazo.

Middlesbrouth 2-2 Depor

O Deportivo colleu un empate traballado no seu segundo amigable da pretempada en terras inglesas ante o Middlesbrough, un rival de maior rodaxe física e que arranca a súa liga esta mesma semana. O encontro, disputado no mítico estadio de Riverside, foi intenso e serviu para seguir sacando conclusións neste tramo preparatorio do curso.

O partido comezou co Dépor por detrás no marcador logo dun erro de Dani Barcia que foi aproveitado por Conway para facer o 1-0 aos catro minutos de xogo. Os de Antonio Hidalgo, lonxe de virse abaixo, reaccionaron de inmediato cunha auténtica marabilla de Yeremay, que empatou no minuto 10 cun disparo en parábola desde o vértice da área que sacou as telarañas da escadra.

A intensidade do Middlesbrough fíxose notar na primeira metade, especialmente tras a lesión de Arnau Comas aos 20 minutos, que se retirou con molestias nun xemelgo. O Dépor sufríu ata o descanso, pero mantívose sólido no medio do campo grazas ao bo traballo de Gragera e a súa conexión con Mario Soriano, que debutaba tras incorporarse á concentración o pasado mércores.

Na segunda metade, Luismi ocupou toda a banda dereita como carrileiro. Un desaxuste seu permitiu unha clara ocasión do Boro, pero na xogada seguinte gañou a liña de fondo e provocou un saque de curruncho. Executouno con intelixencia, asistindo a Noubi cun centro perfecto para o 1-2 no minuto 49.

O Middlesbrough estaba msendo mellor e seguiu apertando e atopou o empate no minuto 67, de novo por medio de Conway, que aproveitou unha boa xogada colectiva para superar a defensa deportivista.

Tralo empate, o partido entrou na fase de trocos e moito cansazo en varios dos que abandoaron o campo. Debutou Miguel Loureiro, incorporado o día anterior, ocupando o lateral dereito con solvencia. Non xogaron nin Petxaroman nin Genreau, apuntando a posibles descartes, mentres que Mella quedou fóra por molestias musculares.

Agora o Dépor prepara o seguinte amigable, o tradicional “Enma Cuervo” ante o Real Oviedo, que terá lugar o mércores 6 de agosto ás 19:00 horas no estadio Pepe Barrera de Ribadeo e poderá seguirse en directo pola canle de YouTube do club.

Goles: 1-0, m.4: Conway; 1-1, m.10: Yeremay; 1-2, m.49: Noubi; 2-2, m.67: Conway (Middlesbrough).

Árbitro: Andrew Kitchen (Inglaterra). Amonestou a Yeremay (m.34) e Villares (m.90) no Deportivo, e a Hackney (m.90) no Middlesbrough, tras unha pequena tangana no treito final do encontro.

Incidencias: Partido disputado no estadio de Riverside. Cuarto encontro da pretempada 2025/26 do Depor. Destacable presenza de moitos seareiros deportivistas nas bancadas, como xa pasara en Watford, amosando o apoio fiel ao equipo mesmo lonxe da casa.

 Deportivo: Germán; Noubi (Loureiro, m.71), Comas (Samu, m.21), Barcia (Damián, m.53), Quagliata (Escudero, m.59); Gragera (Villares, m.46), Patiño (Rubén López, m.71); Luismi (Diego Gómez, m.71), Mario Soriano (Chacón, m.71), Yeremay (Herrera, m.59); Bouldini (Eddahchouri, m.59).

Manifestacións de Soriano post-encontro :

-PRETEMPADA DEPOR 2025/26-

Deportivo 3-2 Famalicão (Yeremay (p), Luismi e Herrera)

  • SD Compostela 0-5 Deportivo: Chouri, (2), Bouldini, Rubén López e Crístian Herrera.

  • Ourense CF 0-2 Deportivo: (Chouri e Yeremay). 

  • Watford 1-0 Deportivo

  • Middlesbrough 2-2 Deportivo: (Yeremay e Noubi).

  • Deportivo-Real Oviedo: mércores 6 de agosto, ás 19:00 horas, Trofeo Enma Cuervo no Estadio Pepe Barrera.

  • Deportivo-Le Havre AC: “LXXX Teresa Herrera”; Sábado 9 Agosto a partires das 20:00 horas.

-Fotos e vídeo : RC Deportivo

-Texto : Xosé Búa “Pirata”

Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso. Pode obter máis información AQUI

ACEPTAR
Aviso de cookies