O Depor inicia este luns 6 de xullo a súa preparación para a tempada 2026-27 coa primeira xornada de recoñecementos médicos e valoracións físicas no Dépor Training Center.
Os futbolistas están citados desde as 08:30 horas para superar os controis rutineiros antes de comezar os adestramentos, desprazándose tamén por grupos ao Hospital HM Modelo para realizar as probas cardiolóxicas.
O primeiro adestramento do novo curso celebrarase o martes 7 de xullo, ás 17:00 horas, entre os campos 2 e 3 do Dépor Training Center, unha vez rematados todos os recoñecementos.
Entre os 27 futbolistas convocados para este primeiro día destaca a importante presenza da canteira deportivista, con seis xogadores formados en Abegondo. Trátase de Bil Nsongo e Noé Carrillo, que xa gozaron de protagonismo co primeiro equipo a pasada campaña; Samu Fernández, habitual en varias convocatorias e que xa debutou na Copa do Rei; e os regresados tras as súas cesións Kevin Sánchez, que militou no Cartagena, e Adrián Guerrero, que xogou no Ourense CF. Completa a representación da base branquiazul o rapáz Xabi Campos.
Tamén estarán presentes as dúas incorporacións xa oficializadas polo club neste mercado de verán: o centrocampista neerlandés Teun Gijselhart e o porteiro internacional español Leo Román, chamados a reforzar dúas posicións clave no cadro de persoal.
En todo caso, o mercado do Dépor aínda está lonxe de pecharse. A dirección deportiva continúa traballando na incorporación de entre cinco e seis futbolistas máis para completar un plantel co que buscará afrontar con garantías a nova campaña.
A lista de futbolistas citados para este primeiro día está formada por: Germán Parreño, Adrià Altimira, Arnau Comas, Lucas Noubi, Dani Barcia, Charlie Patiño, Diego Villares, Zakaria Eddahchouri, Yeremay Hernández, David Mella, Giacomo Quagliata, Eric Puerto, Ricardo Rodríguez “Riki”, Miguel Loureiro, Teun Gijselhart, Luismi Cruz, Jose Ángel Jurado, Mario Soriano, Ximo Navarro, Álvaro Ferllo, Leo Román, Samu Fernández, Bil Nsongo, Noé Carrillo, Kevin Sánchez, Adrián Guerrero e Xabi Campos.
–
-Foto : Quirón Salúd
-Texto : Xosé Búa “Pirata”