O DEPOR ADXUDICOUSE O “LXXV TROFEO TERESA HERRERA”.

Depor 6-0 Combinado Fútbol Coruñés

O Deportivo conquistou por vixesimoterceira vez o Trofeo Teresa Herrera, que celebrou hoxe en ABANCA-RIAZOR unha inusual e histórica 75ª edición, que a pandemia de COVID-19 atrasou até final de ano pero non puido impedir que o trofeo amigable máis antigo do mundo interrompese a súa lonxevidade.

O Teresa Herrera, cuxa primeira edición tivo lugar o 30 de xuño de 1946, é o trofeo non oficial de fútbol máis antigo do mundo con carácter anual, polo que a cidade e o seu club máis representativo quixeron facer todo o posible para conservar tal distinción. Aínda que en Burton upon Trent (Inglaterra) aínda se xoga o Bass Charity Vase, creado en 1890 cun transfondo benéfico similar ao do Teresa Herrera, deixou de celebrarse en 1916, 1917, 1920, 1921, 1922, 1963, 1970, 1975, 1976, 2012, 2015 e 2020. Por tanto, non hai trofeo amigable no mundo que se dispute ininterrompidamente desde hai tantos anos como o Teresa Herrera. E así seguirá sendo a pesar deste dramático ano que lle está tocando vivir a toda a sociedade a nivel mundial.

O conxunto branquiazul impúxose a un Combinado do Fútbol Afeccionado Coruñés por 6-0, aínda que ao descanso chegouse con vitoria pola mínima. A participación do conxunto amateur tamén respondeu a criterios históricos. A partir da instauración do trofeo en agosto, os clubs modestos comezaron a xogar un papel importante na súa organización, pois canalizaban a venda de abonos cos clásicos bonos canjeables. Durante as décadas seguintes, o fútbol modesto coruñés levaba parte dos beneficios do torneo, polo que en boa medida subsistiu e deu a oportunidade de xogar ao fútbol a miles de rapaces grazas ao Trofeo Teresa Herrera.

O Combinado do Fútbol Afeccionado Coruñés arrancou con forza e antes de cumprirse o primeiro minuto de xogo gozara de dúas claras oportunidades para inaugurar o marcador. Primeiro, Rubén Rivera disparou de socato ante Lucho García, que desviou a saque de esquina. O mesmo córner cabeceouno Juan e Lucho, nun alarde de reflexos, rexeitou o coiro por encima do traveseiro.

O Deportivo fíxose pronto co control do partido e comezou a xerar ocasións. No minuto 13, Rui Costa rematou fóra a porta baleira un centro raso de Héctor Hernández. Mediado o primeiro período, Damián desviou dous man a man con Borja Galán en accións similares, após senllas paredes con Lara á entrada da área. Á media hora, o propio Borja Galán lanzou un libre directo lambendo o pau dereito e instantes despois Pescador definiu demasiado cruzado un rebote na área após un disparo de Gandoy.

O primeiro e único tanto do acto inicial foi obra de Rui Costa, que transformou un penalti enganando ao porteiro do combinado. A pena máxima foi cometida por Fiuza sobre o propio dianteiro portugués.

Pescador dispuxo doutra clara oportunidade no minuto 35, cando dobrou a Rui Costa polo extremo dereito. O disparo do fabrilista desviouno novamente Damián a saque de esquina. No último instante da primeira metade, o Combinado do Fútbol Afeccionado Coruñés tivo unha clara oportunidade para empatar. Un rebote deixou a Eiroa só ante Lucho García. O centrocampista preferiu deixar de tacón para a chegada desde atrás de Rubén Rivera, cuxo disparo topouse outra vez con Lucho García.

O conxunto branquiazul comezou a segunda metade co acerto que non tivo na primeira. Rui Costa, após unha acción individual no interior da área, bateu a Diego López no primeiro disparo tralo descanso. Manu Mosquera fixo o terceiro pouco antes de cumprirse a hora de xogo, en disparo coa esquerda desde a media lúa após recoller un rexeite en curto dun defensa. Despois de que Diego López desviase con dificultade unha durísima falta directa de Héctor Hernández, Manu Mosquera anotou o 4-0, ao cabecear un centro do lateral esquerdo cando transcorreran 66 minutos de partido.

Gandoy tentouno de lonxe cun potente lanzamento que se foi pegado ao pau dereito. Pouco despois, Manu Mosquera e Rui Costa dispuxeron doutra clara dobre oportunidade, pero os seus disparos rexeitounos a defensa do Combinado do Fútbol Afeccionado Coruñés. A pouco máis de dez minutos da conclusión, Lara marcou o quinto tanto deportivista nunha falta desde a frontal da área que golpeou na barreira.

Nos instantes finais, Brais Lema quedou só ante Pablo Brea, pero Héctor chegou con enorme velocidade e arrebatoulle o coiro. Acto seguido, Borges recolleu un centro á área que non puido despexar a zaga para pechar o marcador co sexto tanto.

RC Deportivo: Lucho García (Pablo Brea, min. 46), Pescador (Israel, min. 46), Álex Bergantiños, Juan Rodríguez, Héctor Hernández, Borges, Uche Agbo, Gandoy, Borja Galán (Manu Mosquera, min. 46), Rui Costa e Lara.

Combinado do Fútbol Afeccionado Coruñés: Damián (Diego López, min. 46), Santi Ezequiel Torres (Sergio Canosa, min. 31) (Rifón, min. 60), Rodrigo Ramos (Brais Lema, min. 46), Fiuza (Samu, min. 46), Pablo Jiménez (Dani Gómez, min. 31) (Gonzalo Rodríguez, min. 60), Juan, Santi Brandariz (Jacobo Lazcano, min. 46), Álex Sánchez, Eiroa (Kata, min. 54), Antón Garda (João Paulo, min. 60) e Rubén Rivera (Jorge Raña, min. 46).

Goles: 1-0 Rui Costa, de penalti (min. 32); 2-0 Rui Costa (min. 47); 3-0 Manu Mosquera (min. 56); 4-0 Manu Mosquera (min. 66); 5-0 Lara (min. 78); 6-0 Borges (min. 85).

Árbitro: Del Río Amor (c. galego). Non mostrou cartóns.

Incidencias: partido correspondente á LXXV Edición do Trofeo Teresa Herrera disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR con capacidade limitada a 1.000 espectadores debido á pandemia de COVID-19.

 

Tralo encontro vacacións para o plantel deportivista

Finalizado o encontro correspondente á LXXV edición do Trofeo Teresa Herrera, o cadro deportivista inicia hoxe mesmo as súas vacacións de Nadal.

O equipo retomará o traballo o luns 28 de decembro ás 10:30 en Abegondo.

A primeira cita do novo ano 2021 será o partido correspondente á segunda eliminatoria da Copa de SM O Rei en ABANCA-RIAZOR ante o Deportivo Alavés, o 5, 6 ou 7 de xaneiro.

.

-Texto e Fotos : rcdeportivo.es