O CF Muxía deu a coñecer a súa planificación deportiva para a tempada 2026/27, na que a principal novidade será a ausencia do equipo Senior B, que non será inscrito en competición. A entidade muxiana nun comunicado que nos pasan explica que a decisión, “responde a unha análise da situación actual e ao obxectivo de continuar construíndo un proxecto sólido e sostible”.
A pesar desta medida, o club mantén a súa firme aposta polo resto da súa estrutura deportiva. O primeiro equipo volverá competir na Primeira Futgal G2, mentres que o conxunto feminino afrontará unha ilusionante campaña na Primeira Galicia G1, consolidando un proxecto que segue medrando ano tras ano.
No referente ao fútbol base, o CF Muxía continuará contando con equipos nas categorías xuvenil, cadete e alevín, garantindo así a continuidade da formación dos seus xogadores e xogadoras. Ademais, a entidade da Vila da Barca traballará durante os próximos meses para poder sacar tamén un equipo benxamín, condicionado a reunir un número suficiente de nenos e nenas nados entre os anos 2017 e 2020.
Desde o club agradecen, “a confianza de afeccionados, familias, xogadores, colaboradores e de todas as persoas que forman parte da entidade”, reiterando, “o seu compromiso por seguir medrando de maneira responsable”.
Con esta planificación, o CF Muxía afronta unha nova tempada centrando os seus esforzos na consolidación do primeiro equipo, no crecemento do fútbol feminino e no fortalecemento dunha canteira que continúa sendo unha das prioridades do club, apostando pola formación deportiva e humana dos máis novos.
A baixa do CF Muxía “B” na 3ª da Costa
A baixa do filial do CF Muxía afecta a 3ª da Costa na que militaba o quedar esta cun equipo menos, a expensas de que chegue algún novo equipo. Desta maneira e a día de hoxe esta categoría para a 2026/27 queda con 14 conxuntos que son os seguintes :
Atlético Pereiriña FC
Sporting Seaia CF
UD Cerqueda
SD Laxe
CD Baiñas
SD Camelle
Volantes de Baño FC
CD Nantón
CF Lira
Inter de Brens
UD Monte Louro
CD Muros
CF Mazaricos
Sporting Zas
–
-Información : Prensa CF Muxía
-Texto e foto : Xosé Búa “Pirata”