O CF Muxía Feminino continúa dando forma ao seu proxecto para a tempada 2026/27 e, tras anunciar as primeiras incorporacións, chegou a quenda das renovacións. O club confirmou a continuidade de Lau Doce, Karen Carballo, Xeila Rey, Nerea Barrientos, Irene Alcaina e Patri Romaní, seis das futbolistas que foron pezas importantes na histórica conquista do título da 2ª Galega Feminina Grupo 1 e no conseguinte ascenso á 1ª Galega.
Trátase das primeiras renovacións anunciadas polo clube muxián aínda que desde o club adiantannos que nos vindeiros días seguirán chegando novas confirmacións para completar un plantel que manterá a maior parte do bloque que tantas alegrías deu a pasada campaña.
Antes destas renovacións, o CF Muxía xa dera a coñecer tres importantes novidades de cara ao novo curso. A primeira foi a incorporación da corcubionesa Ana Rodríguez como nova adestradora do equipo. A ela uníronse dúas xogadoras chamadas a reforzar o cadro de persoal: a mazariquense Claudia González, procedente do Orillamar SD, e as ceenses Saray Duarte e Gala Ares.
Con estas primeiras fichaxes e a continuidade de varias das súas xogadoras máis destacadas, o CF Muxía Feminino continúa dando pasos firmes na planificación dunha campaña que se presenta ilusionante. O obxectivo será competir con garantías na 1ª Galega, categoría na que o equipo desembarca despois dunha tempada para o recordo, na que se proclamaron campioas da Segunda Galega e certificaron un merecido ascenso, polo que loitaron ata o derradeiro encontro co Tordoia.
A base do éxito continúa en Muxía. A aposta por manter o bloque campión e reforzalo con incorporacións de nivel invita ao optimismo nun proxecto que aspira a seguir medrando e consolidándose no fútbol feminino galego.
–
-Foto e texto : Xosé Búa “Pirata”
–