O CF Muxía cae por 2-3 ante o Deportivo Xuvenil B no primeiro amigable da pretempada


CF Muxía 2-3 Deportivo Xuvenil B

O CF Muxía abriu a súa pretempada na Arliña cun amigable ante o Deportivo Xuvenil B, nun encontro que comezou media hora máis tarde do previsto por unha confusión na designación arbitral. O club solicitara trío arbitral, pero inicialmente só chegou o colexiado David Castreje. Tras comprobar que a petición fora feita en tempo e forma, e coa presenza no campo de Iván Carballo e Andrea Barbeira, completouse finalmente o equipo arbitral.

Así estaba a grada oeste.

A cita congregou arredor de 400 afeccionados con ganas de ver ao Muxía, que esta tempada repite na Primeira Futgal, e tamén de seguir de preto ás promesas do Deportivo.

Raúl Lema foi a gran atracción do encontro.

Entre elas estivo o muxián Raúl Lema, internacional coa Selección Española Sub-16 e asiduo das Galegas, que deleitou á bancada co seu talento. Xa viña de xogar pola mañán uns minutos co Xuvenil “A” de Miguel Figueira.

O conxunto de Sergio “Pataca”, con varias baixas e co debut de fichaxes como Joel, Charly, Antón Pose e Brais, adiantouse cun tanto en propia porta dos visitantes. Roi Cabana igualou para o Deportivo, pero Charly volveu poñer por diante aos locais antes do descanso (2-1). Na segunda metade, Salazar puxo o 2-2 e Gío asinou o definitivo 2-3.

O choque, moi disputado e con momentos de gran calidade, serviu como unha boa proba para ambos conxuntos, deixando boas sensacións entre os seareiros.

-Fotos e texto : Xosé Búa “Pirata”

Utilizamos cookies propias e de terceiros para o correcto funcionamiento da web. Se continúa navegando, acepta o seu uso. Pode obter máis información AQUI

ACEPTAR
Aviso de cookies