O CF Muxía anuncia a volta a casa de Brais Mouzo central de garantías.

O CF Muxía, (Primeira Futgal G2), continúa perfilando o seu cadro de persoal para a vindeira tempada e, tras confirmar unha longa lista de renovacións e a primeira incorporación, trala fichaxe de Guille Lago extremo procedente do SD Fisterra suma agora a súa segunda fichaxe co regreso dun xogador da casa. Trátase de Brais Mouzo, que volverá vestir a camiseta branquivermella despois de sete campañas defendendo as cores do Soneira e do Porteño.

O defensa regresa para reforzar a zaga dun equipo que segue apostando por combinar a continuidade do bloque co retorno de futbolistas coñecedores da filosofía do club. Central de garantías, aínda que tamén pode actuar no lateral, Brais destaca pola súa contundencia defensiva, o seu dominio do xogo aéreo e unha boa saída de balón, características que lle achegan experiencia e solvencia á retagarda.

Desde o club amosaron a súa satisfacción por recuperar un futbolista formado na casa: “Hai regresos que ilusionan. E este é un deles”, sinalaron na presentación, dándolle a benvida de novo ao que consideran “o seu fogar futbolístico”.

Co regreso de Brais Mouzo, o CF Muxía continúa dando pasos na confección dun plantel que mantén o bloque da pasada campaña, tras renovar a 12 dos xogadores do curso pasado e o adestrador e incorporando pezas chamadas a aumentar o nivel competitivo do equipo de cara ao novo curso.

-Foto e información : Prensa CF Muxía

-Texto e foto : Xosé Búa “Pirata”